Formaciónn de Usuarios
11/12/15
DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
No día internacional das persoas con discapacidade, Luisa a nosa interprete de LSE, preparou unha canción de Chayanne "Madre Tierra" para conmemorar este día co alumnado de 2º de E.P.
Esperamos que vos guste.
10/12/15
SESIÓN DE CONTACONTOS NO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS
Hoxe 10 de decembro celébrase o Día dos Dereitos Humanos, e para conmemorar
esta data tan importante os alumnos e alumnas da ESO realizaron unha actividade
de contacontos para os pequerrechos de infantil. Decir que este contacontos
retomarase á volta das vacacións para que todos os alumnos de primaria poidan
gozar desta historia que tan ben ilustraron, escribiron e contaron as
alumnas de 4º da ESO. (Ana Martínez, Mayolla Martínez, Paola Toribio, Alba
Teijeiro e Lara Rey)
A través do conto “Antón, o neno que
non quería ir á escola”, descubrimos
á importancia da educación, o que supón non saber ler nin escribir e a sorte
que temos de poder ter uns mestres e mestras que nos ensinan tantas cousas.
Tamén nos axuda a comprender que debemos aproveitar a oportunidade que temos de ir á
escola e esforzarnos por aprender para ter un futuro mellor, non como Antón, o
protagonista do noso conto, que non tiña ningún interese en aprender ata que
descubríu o importante que era saber ler.
Hoxe en día a pesar de que o dereito á
educación está ampliamente recoñecido en numerosas Convencións e
Tratados Internacionais, hay 57 millóns de nenos e nenas en todo o mundo que non van á escola
e outros tantos reciben unha educación
discontinua ou deficiente.
Nós temos garantido este dereito, en outros países non o teñen.
Aproveitemos a oportunidade que temos de poder aprender e denunciemos ao mesmo tempo o incumplimento do Dereito á
Educación que se está a dar en tantas partes do mundo.
A EDUCACIÓN CAMBIA O
MUNDO!!!
POLO DEREITO Á EDUCACIÓN DE
TODOS OS NENOS E NENAS DO MUNDO
Grazas aos nenos e nenas de infantil que estiveron tan atentos coma sempre e que se foron super contentos co agasallo que levaron cada un deles: un precioso lápiz que os axudará no seu proceso de aprendizaxe.
Aquí vos deixamos o conto de Antón.
2/12/15
SESIÓN DE CONTACONTOS PARA CONMEMORAR OS DÍAS DOS DEREITOS HUMANOS E DEREITOS DOS NENOS.
Neste primeiro trimestre do ano hai dúas datas de suma
importancia nas que se conmemoran, por un lado “O Día dos dereitos dos
nenos” (20 de novembro) e por outro, o “Día dos Dereitos Humanos” (10
decembro). Por iso o alumnado da ESO convida a todos os nenos e nenas de Educación Primaria e Infantil á
representación do conto “Antón: o neno que non quería ir á escola”.
O conto ilustrado integramente por Ana Martínez Fernández
coa colaboración de Paola Toribio e adaptado ao galego por Mayolla Martínez Dragó é unha historia para
reflexionar sobre a importancia da educación. Este dereito é un dereito fundamental que
todos os nenos e nenas do mundo deben ter, xa que lles permite adquirir
coñecementos e alcanzar así unha vida social plena. Ademais o dereito á
educación é vital para o desenvolvemento económico, social e cultural de todas
as sociedades. Sen embargo continúa sendo inaccesible para milleiros de nenos e
nenas do mundo.
A través do conto de Antón descubriredes á importancia deste
dereito: un dereito fundamental e universal.
Esperámosvos!!!
As sesións realizaranse na sala de usos múltiples de
secundaria.
Organizan e colaboran: Departamento de EDLG, Departamento de
Reli, Departamento de Lingua Galega.
A PALABRA XUSTA: UNHA DEFENSA APAIXOADA DO OFICIO DE MESTRE
Hoxe queremos compartir con vós o trailer do documental A Palabra Xusta. Unha película na que
Antía Cal fai unha defensa apaixoada do oficio de mestre. Nas palabras desta
muller de 92 anos está a sabedoría dos que se enfrontan todos os días á
educación e á formación dos nenos e mozos.
Picade na imaxe para velo.
Vale a pena ver a súa testemuña!!!
Picade na imaxe para velo.
28/11/15
NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA
Morreu no día de onte, o último dos chamados
"renovadores da prosa galega" (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e el),
don Xosé Neira Vilas. Sempre entristece a morte, dolorosa lei de vida, dos bos
e xenerosos, coma este autodefinido "xornaleiro da palabra e traballador
das Letras". Reconforta, porén, a súa traxectoria vital e o seu legado.
Afortunado foi o noso pobo con tódolos que no seu seo naceron, viviron,
traballaron con dilixencia e dedicación e, finalmente, morreron merecedores do
cariño e amor da terra.
"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á
visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía
Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz
excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos.
Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a
verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na
súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu
personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén”
que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de
aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia
da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen
citaba como referente. E non precisaba etiquetas.
Neira Vilas, sempre na memoria, e inmortalizado por Balbino,
representante da súa obra por antonomasia.
25/11/15
NOVIDADES
Estas son algumhas das novidades que mercamos para a nosa biblioteca, achégate para descubrilas.
Ademais mercamos tres coleccións:
14/11/15
8/11/15
TEATRO EN NARÓN PARA 5º E 6º
O día 5 de novembro ,os alumnos de 5º e 6º de E.P. fixemos a nosa primeira saída deste curso.
Vimos no Pazo da cultura de Narón a obra de teatro "LA RAMITA DE HIERBABUENA" dO grupo Teloncillo.
5/11/15
Novembro: mes da CIENCIA en GALEGO nas BIBLIOTECAS
Aquí vos deixamos un enlace a través do cal poderedes acceder a unha interesante recompilación de materiais de ciencia en galego.
PREMEDE NA IMAXE PARA ACCEDER A EL
4/11/15
ANTOLOXÍA POÉTICA MULTIMEDIA
Premendo na imaxe accédese a unha selección de poemas
musicados, cantados o recitados, para o traballo na aula. Atopamos poemas de
Rosalía de Castro, Bécquer, Antonio Machado, Dámaso Alonso, Gloria Fuertes...En
fin... un verdadeiro tesouro da nosa poesía.
31/10/15
CHEGA O SAMAIN
Chega o Samain e con el as castañas, as caveiras de melón,
os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e
mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín.
A que isto escribe pasou esta semana a facer unha visitiña por infantil e
primaria e a verdade que quedei abraiada por todas as cousas que @s profes
xunto cos seus alumn@s estiveron a facer.
No seguintes vídeo podedes ver as cousiñas que
os nenose nenas do noso cole, fixeron neste outono para
celebrar o samaín.
E Para que teñades unha idea acerca desta festa, a continuación poderedes ler un texto sobre a Santa Compaña. Que disfrutedes TERRORIFICAMENTE!!!
A SANTA COMPAÑA
Segundo a tradición galega, a procesión da Sta. Compaña está
composta por espectros de mortos ou almas en pena.
Os espíritus dos mortos saen cada noite sobre as doce
partindo dunha igrexa e marchan en dúas ringleiras portando fachos.
A procesión vai encabezada por unha persoa viva portando
unha cruz.
O portador da cruz non pode en ningún momento volver a vista
nin renunciar ao seu posto durante toda a súa vida. Só quedará liberado cando
cruce no seu camiño con outra persoa a quen lle entregar a cruz.
Para evitar reemprazar ao portador da cruz, as persoas que
se atopen coa Santa Compaña deben trazar un círculo no chan e meterse dentro
del ou botarse boca abaixo.
Tamén deben permanecer en silencio para que os espíritus non
se percaten da súa presenza.
Xa sabedes. Se vos atopades coa Santa Compaña...
SILENCIO! non vaia ser que vos vexan.
20/10/15
BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS
"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o
lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS
. A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador
e autor de cómic FRAN BUENO, e ten
suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do
alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que
explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos
e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que
queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e
para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de
aprendizaxe.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións"
chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar
posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a
estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes
que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao
camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a
explorar o mundo e a compartir o aprendido.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







