26/11/18

FALLADOS OS PREMIOS DO II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES

O venres 23 de novembro no salón de actos da  Biblioteca do Concello  foron entregados os diplomas e premios do II Concurso de fotografía xuvenil Concello de Ares, imaxes que ilustrarán o calendario municipal do 2019.
Moitas grazas a todos e todas as participantes, ao cole por colaborar e fomentar a participación e ao xurado que non o tivo nada fácil ( Manuel Pueyo, Anxo Fernández e Mila Campos)
Parabens  aos gañadores/as.





22/11/18

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro, o  alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral, sobre esta data.
Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

   
                   




SESIÓN DE CONTACONTOS PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA


Esta semana para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia os alumnos e alumnas de 4º e 3º de ESO realizaron unha actividade de contacontos para o alumnado de primaria.
A través do conto “Na procura dun mundo marabilloso”, ilustrado pola nosa ex-alumna Ana Martínez Fernández,  descubrimos á importancia que ten que todos os nenos e nenas do mundo teñan dereitos que garantan o seu crecemento tanto físico como psíquico; dereitos tan básicos como a educación, a sanidade, a igualdade de oportunidades...e que, en moitos lugares do mundo, non se cumpren.
Trala sesión os nenos e nenas participaron nun pasapalabra no que demostraron que estiveron moi atentos ao conto e ás explicacións dos rapaces e rapazas da ESO.
Ao rematar o acto, todos foron agasallados cun marcapáxinas, realizado polos mozos e mozas da ESO, no que estaban reflectidos os dereitos dos nenos e nenas.
Grazas a todos pola vosa participación!!!


Esta é unha proposta do Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Relixión e a Biblioteca Escolar.

9/11/18

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Un ano máis, as consellerías de Cultura e Educación, a través das unidades responsables das bibliotecas públicas e escolares, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convidan á celebración do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. O Manifesto deste ano 2018 está asinado por Luís Navarro, Profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo, integrante do grupo Divulgare,da mesma universidade, e ten frases lapidarias coma esta que moito lle agradecemos: "Para ser libre mediante a cultura, igual ca para facer boa ciencia, hai que ler".

 Recomendamos a lectura pausada deste manifesto de Luís Navarro e lembramos algúns dos recursos dispoñibles para estimular o achegamento á ciencia en galego, en novembro e durante todo o ano, na biblioteca escolar. 

2/11/18

Bruxas e curuxas merodean pola biblioteca.

Hoxe encontrámonos unha gran sorpresa cando entramos na biblioteca.  Cabazas, bruxas, personaxes de comic, gatos negros, pantasmas... todos eles sairon dos libros  con intención de quedar unha tempada   para sorpresa dos  nenos e nenas.
Cando volverán aos libros?












1/11/18

XADREZ NA BIBLIOTECA


Calquera recuncho vale para xogar ao xadrez, por ese motivo decidimos usar a nosa biblioteca para que os nenos e nenas aprendan, e como os mellores mestres son eles, este trimestre organizamos unha escola de xadrez onde os que  máis saben ensinan aos demais.
Unha experienca maravillosa onde todos se sinten protagonistas.