28/2/20

DÍA DE ROSALÍA. CPI AS MIRANDAS. CONCELLO DE ARES

Hoxe o noso centro realizou xunto co Concello de Ares un fermoso acto para lembrar a Rosalía de Castro, dentro da semana dedicada a nosa escritora máis universal. Nenos e nenas de primaria e rapaces e rapazas de ESO interpretaron e cantaron os poemas e a obra de Rosalía acompañados da música da xove banda do noso cole e de  Mónica, a profe de música. 
Tamén realizaron a lectura continuada representantes de entidades culturais de Ares, Cervás ou Redes, persoas do mundo do deporte como Paula Mayobre ou Álvaro Yllobre, representantes municipais, profesores e veciñanza. 
                               
 Grazas a todos pola vosa participación neste acto. 

 Rosalía…sempre Rosalía… 

Aquí vos deixamos uns vídeos da xornada

Lectura do alumnado do CPI As Mirandas

 

Lectura continuada da obra de Rosalía a cargo da veciñanza, representantes de entidades culturais  e deportivas, representantes municipais e profesores.



Galería fotográfica



Interpretacións musicais. Xove banda do CPI As Mirandas

23/2/20

ENTROIDO 2020. CPI AS MIRANDAS

Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro, “ARES DE CONTO”
Un percorrido polos personaxes dos contos, lendas e literatura universal. Os trasniños da nosa Cova do Trasno de Ares, Carapuchiña Vermella, Branca Neves, príncipes, ananos,  Moby Dick, Harry Potter, Shrek, Piratas, Wallys, o Gato con botas, o Flautista de Hamelin e os seus ratiños, os dálmatas e Cruela de Vil e un sen fin máis de personaxes de conto desfilaron polas nosas rúas nun día de sol radiante.
 Logo degustamos lambetadas de Entroido e un rico chiculate para endulzar o bandullo.
Grazas infinitas á banda de gaitas de Ares por colaborar con nós e poñer a nota musical ao noso desfile e por suposto, a tod@s polo voso esforzo á hora de preparar esta xornada de Entroido que é máis que unha simple xornada, son días de preparativos fora incluso das horas lectivas para confeccionar os disfraces e todo o que rodea o Entroido.
Agora a gozar destas mini vacacións.

Aquí deixamos a reportaxe da xornada.









VISITA Á COVA DO TRASNO

Con motivo da visita de Javier Vilasánchez o pasado mércores, decidimos ir visitar a Cova do Trasno. Ademais, cunha incrible sorpresa! O trasno Simón anda a facer trasnadas e tiña escondida a chave da seguinte busca do tesouro.


12/2/20

O TRASNO SIMÓN E A SEREA MIRANDA . "ARES DE CONTO"


Hoxe tivemos o pracer de contar coa visita de Javier Vilasánchez,  historiador local, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, director do grupo de teatro A Cova do Trasno e avó.  Aínda que xa veu varias veces ao noso centro para colaborar con nós,  hoxe a súa aportación foi especial xa que o seu público eran os pequenos/as do 1º ciclo de primaria,  que este curso están a traballar as lendas e a tradición oral dentro do proxecto interdisciplinar “Ares de Conto”.
Javier faloulles dalgunhas lendas da nosa vila coma a da Cova do Trasno ou a da Serea das Mirandas,  misturando a historia coa fantasía.  Os nenos coñeceron ao  trasno Simón e a serea Miranda, personaxes de conto creados por Javier e  inspirados nestas lendas.
A verdade é que os nenos e nenas gozaron cos seus contos e coa súa caracterización, rematando cunha morea de preguntas ao final da sesión.

Grazas  Javier por aceptar a nosa invitación e por achegar as lendas de Ares aos nenos e nenas do noso cole. Esperemos que volvas a visitarnos!