29/5/14

PREMIADOS NO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS


Difícil o tivo hoxe o xurado composto por Antonio Seijas (Ilustrador), Vilariño (profesor e debuxante autodidacta), Marisa Areal e Meli Seoane (profesoras de educación plástica) para elixir aos gañadores e finalistas do I Concurso de Portada de Libros. O concurso tiña por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a tivera lido. Con esta iniciativa o Equipo de Dinamización lingüística e a Biblioteca do CPI Conde de Fenosa de Ares pretendeu fomentar a lectura e as capacidades creativas dos alumn@s e, a bó fe que o conseguiu. Presentáronse un total de preto de 70 obras nas que os alumnos/as de infantil, primaria e secundaria reflectiron a súas dotes creativas utilizando todo tipo de técnicas e materiais: témperas, collage, banda deseñada, composicións e distintas texturas puidéronse ver nesta fantástica exposición. Desde aquí queremos agradecer ao noso artista local Antonio Seijas a súa colaboración como membro principal do xurado. Grazas Toni por estar sempre que requerimos a túa presenza. É sempre un luxo terte con nós.
 Agradecer tamén a participación de Vilariño, querido compañeiro do noso centro que sabemos que non nos esquece e que sempre acode as nosas chamadas. E como non as profes de educación plástica do noso cole. E felicitar a todos os alumnos participantes.

 Sodes uns artistas!!!!

Os gañadores e finalistas por categorías foron:
  • 1º CICLO ESO: Alba Tabeayo (1º ESO) e Ana Martínez(2º ESO)
  • 2º CICLO ESO: Noelia Calvo Tizón (3º ESO) e Sara Ferreiro Varela (4º ESO)
  • 1º Ciclo EP: Marcos Pérez Cordero (2ºA) ,Nerea Salido Lorenzo (2ºA), Jairo García García, (2ºA) 
  • 2º/3º Ciclo EP: Marta Nogueras Anca (3ºA) e Lara Fonte Allegue (6ºA)
  • Infantil: Noelia Navas Udaondo e Ariadna Jerobs Santín
  • Premio de grupo: Infantil 4 anos B(Fernanda) (gañador), Clase de 1ºA (Mila) (finalistas),Clase de 1ºB (Meli) (finalistas),Clase de 2ºB (Lucía) (finalistas).

En hora boa a todos e todas!!!!

Aquí tedes un vídeo coas obras da exposición

27/5/14

CONCURSO COCA-COLA "RELATO CURTO"

Por cuarto ano consecutivo os nosos alumnos de 2º participaron neste concurso de relato curto. As participantes este ano foron Ana Martínez e Malloya ambas alumnas de 2ºESO A. Ana participou en castelán e galego, Malloya só o fixo en castelán. As dúas ían con moita ilusión e ás dúas queremos felicitar desde estas páxinas.
Ben sabedes que o traballo feito con gana adoita ter recompensa, Ana gaña por mérito propio achegando azos, ilusión e xenerosidade en todo o que emprende e Malloya engaiolou o xurado coa súa prosa imaxinativa e lixeira, e así resultou ser finalista e gañadora dun merecedor terceiro premio.
Posto que todo o que desde aquí se escriba non reflectirá o que a vosa compañeira transmitiu no seu relato achegámosvos o comezo e o código "qr" para que o gocedes coma nós.

Ademais achegamos en palabras da flamante gañadora, a experiencia que supuxo recoller o premio nun lugar emblemático, a terra dos grandes trovadores: Mendinho, Joham de Cangas e Martín Codax, case nada!! .



Cando estabamos Ana e mais eu naquela sala chea de xente non imaxinabamos que algunha de nós pasase á final ¡cando mo dixeron non o podía crer!
Eu pasara á final e a entrega de premios foi, nin mais nin menos, na illa do Pensamento, a illa de San Simón, un lugar cheo de historia literaria, testemuña de relatos de temerosos corsarios, tesouros ocultos e pasaxes de moitos viaxeiros vidos de terras afastadas. Alí mesmo foi onde o capitán Nemo atracou o Nautilus na súa fantástica historia Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar (XulioVerne), cando sabes iso non podes remediar pensar no que se lle pasaría pola cabeza ao escritor ¿Sorprenderíanlle tanto os misterios e os viaxeiros anónimos pasados pola illa que sentiría identificado o capitán do seu submariño cun deles? ¿Ou quixera imaxinar o que lle aconteceu a algún dos viaxeiros que pasou por alí nun navío submariño descoñecido naquela época? Precisamente o misterio foi o tema na entrega dos premios, o misterio e o humor, unha importante inspectora chamada Holmes e un novato incompetente chamado Watson presentaron este acto nunha divertida entrega de premios cheo de misterio e risas. Alguén matara o can da illa e roubara o primeiro premio ¿Quen podería ser? algúns dos alí presentes foron escollidos como sospeitosos e cando Watson non aturou máis, recoñeceu que lle dera ao can un somnífero nunha salsicha e o roubara el, aínda que por adolescente non pasaba de todas as maneiras.
Ao remate obsequiáronnos cunha merenda nos edificios que foron lazareto e cárcere durante a guerra civil española, alí Luísa rematou con todos os mexillóns e miña irmá co resto da mesa.
A viaxe de volta foi movidiña, no interior do barco sentíanse máis as ondas e iso non é moi bo se te mareas neles...
       
Malloya, 2ºA ESO



25/5/14

RELATOS DO CONCURSO "RELATO CURTO" DO CONCELLO DE ARES REALIZADO POLAS LETRAS GALEGAS

Aquí vos deixamos os relatos curtos dos alumnos/as do cole que presentaron obras ao II Concurso de Relato Curto Concello de Ares. Entre elas están a gañadora e as finalistas, así como outras que non recibiron premio pero que vos aconsello que leades.  Parabéns aos rapaces e rapazas que presentaron traballos e aos que non...esperemos que para o ano vos animedes.







23/5/14

GAÑADORES DA IV EDICIÓN DO PREGUNTÓN

Rematou a IV Edición de "O Preguntón". Desde  o Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca que remos dar a en hora boa a todos os que participáchedes nesta edición e os nosos parabéns aos gañadores e finalistas. O remate do curso faremos  o acto de entrega de premios e diplomas dos diferentes concursos que estamos a realizar no cole. Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación e xa sabedes....para o ano mais!!!.
Aquí vos deixamos os nomes dos gañadores e finalistas deste ano.




21/5/14

CONCURSO DE PORTADAS DE LIBROS.

Temos posta nas escaleiras da entrada de Primaria a exposición con todas as portadas que fixestes para o concurso. Hai auténticas preciosidades. Non deixedes de visitala.

20/5/14

ENTREGA DOS PREMIOS DE RELATO CURTO "CONCELLO DE ARES"

O Concello entregou os premios do II Concurso de relatos curtos no que participaron rapaces e rapazas da ESO.

O concelleiro de Cultura, Eugenio Fernández Lago, fixo entrega na tarde do venres dos premios do II Concurso de relatos curtos “Concello de Ares”, nun acto celebrado na Alianza Aresana e no que estiveron presentes os rapaces e rapazas que presentaron as súas obras ao certame literario.
Tras a reunión do xurado integrado polo historiador local Javier Vilasánchez e as profesoras Ana Pillado e Yolanda Castro, foi Carlos Bello Pita coa obra “O que foi de Jimmy Sparks” quen resultou o vencedor do certamen e polo que recibiu un premio consistente nunha tablet. Os premios ao primeiro e segundo finalista recaeron en Ana Martínez Fernández  pola obra “As sombras dos templarios” e Raquel Pérez Rivera, autora da narración “A casa da familia March”. Neste caso as dúas finalistas foron premiadas con un MP4 cada unha.
Ademais, dado o nivel acadado nesta edición, os integrantes do xurado decidiron facer unha mención aos traballos presentados por Marta Rumbo Hermida, autora da obra “Pero…quero ler”, Margarita Ferreiro Castillo con “A casiña de madeira no inverno” e Marta Pérez Rey pola obra co título de “Unha rumorosa na costa verdescente”.
Fernández Lago destacou o número de obras que concurriron a este concurso, unha trintena
e, o que é máis importante, o elevado nivel de case todas elas, o que fixo traballar a reo ao xurado.
A iniciativa, que estaba dirixida a nenos e nenas matriculados en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, enmárcase dentro das actividades que a área de Cultura organiza para conmemorar o Día das Letras Galegas, motivo polo cal todas as obras presentadas ao concurso debían estar presentadas en galego.


En hora boa a todos os gañadores e parabéns a todos os participantes no certame. Para o ano mais!!!.

16/5/14

METEOESCOLAS

Este curso o alumnado de 6º despois da visita que fixeron a Meteogalicia, sentironse animados a traballar no proxecto de Meteoescolas do noso centro. Comenzaron recollendo información de distintas fontes :
• Biblioteca escolar.
• Internet.
• Biblioteca pública de Ares.
• Datos recollidos polos compañeiros de 2º e 3º ciclo de educación primaria.
• Materiais que encontraron nas súas casas.
 A partir de aquí, dividíronse en qrupos e cada un decidiu en qué ian traballar. Os temas elexidos foron:
• As nubes.
• Fenómenos atmosféricos.
• Símbolos e gráficos.
• Aparatos meteorolóxicos.
 Despois de facer os traballos e con toda a información reunida, realizouse esta montaxe.
Que vos guste !!!!!
 
 
 
 

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS!!!

Un ano máis, achégase o Día das Letras; e para conmemoralo, ademáis do traballo adicado a Xosé María Díaz Castro, desde o EDLG propuxemos para Infantil e Primaria unha exposición sobre o traxe tradicional galego. Xa está montada e agardamos a vosa visita. Poderedes ver os traxes de home e muller, de cotío e de gala. Aquí vos deixamos algunhas fotos para ir facendo boca.

Moitas grazas a todas e todos os que colaborastes prestando roupa, maniquíes, etc. Tamén queremos dar as grazas a Teresa, Elena , Emilio e José Ramón Camaño que viñeron desinteresadamente a tocar para nós na hora do recreo e acompañarnos así, nesta semana das Letras Galegas. Fixeronnos bailar e brincar como só os bos ghaiteiros saben facer.

               


14/5/14

CHEGOU A MAROLA A ARES: "PRÉSTANOS SES"

Pero quen é SES? Preguntan os rapaces da ESO. Escoitamos algunha canción, vemos algún vídeo, case aprendemos as estrofas suxerentes de “Milonga de aquí ” e de “Se cadra”. 
Si, … canta moi ben, ten boas letras, … si, pero temos que ir vela?
O excepticismo, mesmo a resistencia previa foi amolecendo ao pouco de iniciarse o concerto. A viveza dos ritmos variados; o lirismo poético; as letras provocadoras, directas e descaradas; os acoples das guitarras; ... foron atrapándonos, envolvéndonos como o arrolo das ondas que entraban polas ventás da cristaleira do Casino.
SES non é só música, é unha activista social, unha convencida defensora do papel feminino, unha rebelde contra todo tipo de submisión e estereotipos. Cóspelle aos clixes sociais. Chámalle ás cousas polo seu nome. Tanto nas cancións como nas presentacións, déixao claro.

O estilo inconfundible vai quedar gravado na memoria xuvenil. Cando entra a marola na baía deixa sinais, pegadas que nos prestan.



                               










13/5/14

SEMANA 7: ULTIMAS PREGUNTAS DO "PREGUNTÓN"

Ben, queridos e queridas Preguntóns, aquí vos deixamos as preguntas da última semana desta edición do Preguntón 2014. Xa sabedes...agudizade os miolos para dar coas respostas correctas.







SOLUCIÓNS PREGUNTÓN 6ª SEMANA

PREMEDE NELAS PARA VELAS EN GRANDE



8/5/14

PREGUNTÓN 6ª SEMANA

Queridos preguntóns, aquí van as preguntas desta  6ª semana. Premede nelas para velas en grande.
 E lembrade que xa estamos a piques de rematar esta edición do preguntón, só nos queda unha semana mais, asi que xa sabedes, metede o turbo!!!!!







DÍAZ CASTRO, GUÍA DIDÁCTICA EDUCACIÓN PRIMARIA

DÍAZ CASTRO, GUÍA DIDÁCTICA EDUCACIÓN SECUNDARIA

MONOGRÁFICO DÍAZ CASTRO, CGENDL

Un curso máis, a CGENDL pon á disposición da comunidade escolar unha páxina monográfica que compila recursos e materiais sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, nesta ocasión o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro. Nela, partíllanse recursos didácticos como actividades para imprimir e en liña, información en diferentes soportes, exposicións, xogos, experiencias en centros, etc. que foron elaborados por docentes, ENDL e outros grupos de traballo dos centros escolares, institucións, asociacións, etc. Dende a CGENDL pretendemos novamente facilitar o voso labor nas aulas; por iso, agardamos polos vosos traballos, propostas e experiencias para partillar co resto do profesorado e as familias: correo@coordinadoraendl.org.

Se premedes na imaxe poderedes acceder directamente á páxina da CGENDL que contén o monográfico sobre Xosé María Díaz Castro.


7/5/14

"O PAÍS DOS MANDÓNS". GAZAFELLOS

Hoxe os rapaces e rapazas de E.P. fomos o Casino de Ares para ver unha obra de teatro do grupo Gazafellos titulada "O PAÍS DOS MANDÓNS" baseada nun libro de Paloma Rodriguez e Cristina Justo. Pasámolo moi ben, foi moi divertida. Foi unha invitación do Concello de Ares.Dámoslle as grazas e esperamos unha nova invitación para o vindeiro curso.

6/5/14

VISITA DE AUTOR: ANTONIO M. FRAGA

Hoxe 6 de maio os alumnos de 6º de E.P. tivemos a visita do escritor Manuel Fraga, autor do libro que acabamos de ler: "O CASTAÑEIRO DE ABRIL". Pasamos con él un bo rato falando do libro e as súas personaxes.Fixémoslle unha morea de preguntas,todas con resposta. O autor é de Pontedeume e as ilustracións do seu libro fíxoas Antonio Seijas , o noso veciño de Ares.