29/11/19

ENTREGA DE PREMIOS DA III EDICIÓN DO CONCURSO ESCOLAR “CANTAMOS COAS MANS”


Este xoves 28 de novembro celebrouse a entrega de premios da III Edición do Concurso Escolar de Cancións en Lingua de Signos Española “Cantamos coas mans”, nun evento moi especial que tivo lugar no centro sociocultural de Fontiñas, en Santiago de Compostela.
Neste acto recibimos a Mención de Honra  desta edición na que os nosos  alumn@ s puideron interpretar e actuar coa cantante  MJ Pérez que subiu ao escenario cos nenos e nenas que  signaron a súa canción “O fío  do que pendo”.
Foi unha xornada festiva, totalmente accesible en lingua de signos e na que tanto, persoas xordas como oíntes, puidemos gozar da música.
Queremos aproveitar a ocasión para, unha vez máis, agradecer o esforzo e a implicación de Luisa Lombardero, a nosa intérprete de lingua de signos, que non poido estar no evento e que é a alma mater do proxecto e, por suposto, tamén agradecer a  MJ Pérez  a súa colaboración para facer un ano máis, deste acto, unha gran celebración da música inclusiva.

Vídeo da gala



https://www.facebook.com/MJPerezmusic/videos/561889414649622/UzpfSTEwMDAwMDc0NjMxNDg5MzoyOTY0NDA1MjQwMjYwOTkx/

Videoclip oficial realizado no noso centro

Magosto 2019



Hoxe 29 de novembro celebramos o magosto acompañados dos visitantes de erasmus que tivemos esta semana no noso centro.
Fixemos xogos populares, comemos castañas, cantamos e bailamos ao ritmo da muiñeira.



25/11/19

ACTOS NO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO CPI AS MIRANDAS


Hoxe, 25 de novembro, no CPI As Mirandas, lembramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero cunha actividade en colaboración con CIM do Concello de Ares. 
As 13:00 horas o director do CIM e a directora do centro tomaron a palabra para condenar esta lacra e recordar que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos. 
A nosa profe de inglés, Amparo, realizou a tradución simultánea do manifesto xa que neste acto acompañáronnos os alumnos/as e profesores do intercambio Erasmus +.
Trala lectura dos manifestos soltáronse varios globos cargados de mensaxes realizadas por todo o alumnado do centro (E.I, E.P, ESO). Mensaxes que voarán cheos de esperanza concretados en desexos do alumnado do CPI As Mirandas.


Xa pola tarde tivo lugar unha charla para o alumnado de 4º curso de ESO sobre a violencia sexual impartida por Angélica Mercado Torres  especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
Mañá martes 26 de novembro, o alumnado de 5º e 6º de infantil asistirán á  sesión de contacontos “As cores” coa temática da Igualdade e impartido pola artista local Lidia Pena.


Os nenos e profes de infantil tamén conmemoraron esta data cun mural realizado por eles.




BENVIDA. #ERASMUS+.AS MIRANDAS.2019

Dende o 24 e  ata o 29 de novembro no noso centro, o CPI As Mirandas, compartiremos experiencias con 20 alumnos/as e 12 profesores/as de 5 países (Turquía, Polonia, Romanía, Grecia e Italia) cos que estamos levando a termo un proxecto europeo,KA229: Manifestacións artísticas desde as festividades e tradicións europeas”.
Este  domingo foron recibidos por unha representación do centro e realizaron unha etapa do Camiño de Santiago así como unha visita guiada polo casco histórico.
Hoxe luns realizaron unha visita ao Concello onde foron recibidos polo alcalde e representantes do Concello. Seguidamente fixémoslles unha benvida no noso centro. O alumnado de primaria así como un grupiño de alumnos da ESO agasalláronos  cun mini concerto e bailes típicos. Logo percorreron as aulas de primaria e infantil e departiron con profes e nen@s.  Tamén participaron no acto que realizamos no centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no que estiveron tamén representantes do concello e do CIM (Centro de atención  á muller).

Desexámoslle unha estupenda estadía na nosa vila xunto a todos nós e ás familias acolledoras.

Seguiremos informando desde tesmoitalingua e a páxina web do noso cole.







21/11/19

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Parece que todos os días semellan iguais, máis este luns, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queremos
dun xeito especial, denunciar e levantar á nosa voz contra esta lacra. A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos Humanos e continúa progresando no ámbito global.
Algo estamos a construír mal nesta sociedade cando non somos capaces de resolver os conflitos coa palabra. Vivimos nun mundo no que cada vez se vai máis rápido e no que o individualismo e o poder é o que conta. Debemos espertar as nosas conciencias ante as inxustizas e o sufrimento. Debemos pararnos e sentir que cada morte, cada acto violento fainos a todos e a todas vulnerables.
É por iso polo que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.
No noso centro o alumnado de 4º ESO tomou a iniciativa de visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral a través de varios audiovisuais que podedes ver máis abaixo.
No primeiro gravaron un programa onde entrevistaron ás responsables do CIM (Centro de Información á Muller) do concello de Ares e a varios profesores do noso centro que respostaron amablemente ás súas preguntas.
Nos segundos, María, Valentina, Andrea e Marcela poñen as súas voces para narrar como sinte unha muller a indiferenza, a humillación ou a dor polo simple feito de ser muller.
Parabéns ao alumnado de 4º de ESO polo traballo e por suposto a todas e todos os que colaboraron dalgún xeito na súa realización.











Así mesmo en colaboración co CPI Virxe da Cela de Monfero, realizouse unha exposición de carteis creados  polos alumnos/as de ESO de ámbolos dous centros na que mostran, a través da imaxe, a súa visión sobre esta data. (Podedes premer na imaxe para velos en grande).














Por último dicir que, a todos os que formamos parte do CPI  As Mirandas, encantaríanos que moi pronto, o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, non haxa nada que celebrar. Porque celebrar este día, deste xeito, non é unha festa, é un toque de atención para que nos demos conta e nos levantemos en defensa dos nosos dereitos e liberdades, porque as mulleres somos iguais aos homes e nada nin ninguén debe someternos. Mentres tanto, desde o noso colexio, seguiremos educándonos na igualdade e loitando pola dignidade de todos e todas.

Finalizamos coas verbas dunha excepcional muller, Clara Campoamor quen dixo: 

“ACUSEI AS INXUSTIZAS PORQUE NON QUERO 
QUE O MEU SILENCIO AS ABSOLVA”

A pesar das nosas diferenzas, compartimos a mesma realidade e estamos unidos na loita para conseguir que o mundo sexa un lugar mellor para todas e todos.
Porque queremos outro mundo, e sabemos que é posible....

CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!

20/11/19

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S. "MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que a ONG Entreculturas lanza para concienciar á poboación do Dereito á Educación de máis de 61 millóns de nen@s en todo o mundo que están sen escolarizar.
 Un grupiño de alumnos/as de 1º e 4º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. Así, realizaron diversas sesións de contacontos para o alumnado de infantil e primaria. Nas sesións os rapaces da ESO narraron o conto “Mahán e a cadeira vermella”, un conto creado polo alumnado do cole Virxe da Cela de Monfero, e que fala sobre o Dereito á Educación Universal. Logo como parte da dinámica, realizaron o xogo de “ A cadeira vermella” así como un pasapalabra sobre o conto. Ao remate da sesión todos os nenos e nenas foron agasallados cunha pegatina alusiva a esta data e levaron unha pequena “cadeiriña vermella” para a súa clase, como símbolo do Dereito á Educación de todos os nen@s do mundo.



Por outra banda, na entrada de secundaria temos un mural realizado polo alumnado da ESO acompañado dunha cadeira pintada de cor vermella. Animamos a todos e todas os que o desexen, a tomar unha foto no mural coa cadeira vermella para realizar unha montaxe fotográfica como apoio á Educación Universal. 



Esta actividade está organizada polo EDLG, a Biblioteca escolar e o Departamento de Reli e valores. Queremos  a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e ofrecernos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias.