21/11/19

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Parece que todos os días semellan iguais, máis este luns, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, queremos
dun xeito especial, denunciar e levantar á nosa voz contra esta lacra. A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos Humanos e continúa progresando no ámbito global.
Algo estamos a construír mal nesta sociedade cando non somos capaces de resolver os conflitos coa palabra. Vivimos nun mundo no que cada vez se vai máis rápido e no que o individualismo e o poder é o que conta. Debemos espertar as nosas conciencias ante as inxustizas e o sufrimento. Debemos pararnos e sentir que cada morte, cada acto violento fainos a todos e a todas vulnerables.
É por iso polo que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos.
No noso centro o alumnado de 4º ESO tomou a iniciativa de visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral a través de varios audiovisuais que podedes ver máis abaixo.
No primeiro gravaron un programa onde entrevistaron ás responsables do CIM (Centro de Información á Muller) do concello de Ares e a varios profesores do noso centro que respostaron amablemente ás súas preguntas.
Nos segundos, María, Valentina, Andrea e Marcela poñen as súas voces para narrar como sinte unha muller a indiferenza, a humillación ou a dor polo simple feito de ser muller.
Parabéns ao alumnado de 4º de ESO polo traballo e por suposto a todas e todos os que colaboraron dalgún xeito na súa realización.











Así mesmo en colaboración co CPI Virxe da Cela de Monfero, realizouse unha exposición de carteis creados  polos alumnos/as de ESO de ámbolos dous centros na que mostran, a través da imaxe, a súa visión sobre esta data. (Podedes premer na imaxe para velos en grande).














Por último dicir que, a todos os que formamos parte do CPI  As Mirandas, encantaríanos que moi pronto, o 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, non haxa nada que celebrar. Porque celebrar este día, deste xeito, non é unha festa, é un toque de atención para que nos demos conta e nos levantemos en defensa dos nosos dereitos e liberdades, porque as mulleres somos iguais aos homes e nada nin ninguén debe someternos. Mentres tanto, desde o noso colexio, seguiremos educándonos na igualdade e loitando pola dignidade de todos e todas.

Finalizamos coas verbas dunha excepcional muller, Clara Campoamor quen dixo: 

“ACUSEI AS INXUSTIZAS PORQUE NON QUERO 
QUE O MEU SILENCIO AS ABSOLVA”

A pesar das nosas diferenzas, compartimos a mesma realidade e estamos unidos na loita para conseguir que o mundo sexa un lugar mellor para todas e todos.
Porque queremos outro mundo, e sabemos que é posible....

CONSTRUÁMOLO ENTRE TODOS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario