26/2/22

DÍA DE ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

 Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro  “ECOESCOLARESen todas as súas vertentes e posibilidades. Así na variedade de disfraces que desfilaron non faltaron  os osos polares reivindicando o coidado do medioambiente  e a reciclaxe para loitar contra o cambio climático; as pingas de auga e as nubes que, bailando cal danza india, parecera que pedían que a choiva nos acompañe para encher os embalses, que falta nos fai; tamén os apicultores e as abellas fixeron acto de presenza para incidir na importancia que teñen para a vida; as e os Ecoescolares de infantil, co mundo as súas costas, dicíannos que queren un planeta mellor para o seu futuro e os mergulladores do ECOBARCO recórdannos que temos que coidar o mar  e preservar todos os ecosistemas mariños do planeta tan necesarios para a vida.

Un día festivo no que non faltaron as cancións reivindicativas creadas polos nenos e nenas, a ledicia e o bo humor.

                                                            Grazas a todas e todos polo voso traballo!!!

Felices vacacións!


14/2/22

SEMANA CONMEMORATIVA. DÍA DE ROSALÍA 2022


 O concello de Ares e o noso centro súmanse á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas.

A contorna de Ares prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. 

Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades:

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores 16,ata o 21 de febreiro e convidará a todas aspersoas, adultos e nenos/as, a enviar fotografías coas súas caracterizacións deRosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico mailto:cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía.

 O 23 de febreiro ás  17.00 horas os máis pequenos e pequenas (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade. 

De igual xeito, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas. Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Desde o noso centro, o CPI As Mirandas, homenaxearemos á nosa poetisa coa actividade Musicando a Rosalía realizada en colaboración co departamento de música, e realizaremos co alumnado un vídeo co recitado dos seus poemas.

    

Ademais nas distintas aulas dos diferentes ciclos traballarase, desde distintas actividades e formatos, a figura da nosa poetisa máis universal.

ROSALÍA SEMPRE VIVA...
SEMPRE....ROSALÍA

11/2/22

11 Febreiro. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


   A continuación recordamos a adaptación  da película "Figuras ocultas" baseada na vida da física estadounidense Katherine Johnson , científica espacial e matemática que contribuíu á aeronáutica e aos seus programas espaciais coa aplicación das primeiras computadoras electrónicas dixitais na NASA.

Esta curta foi realizada polas alumnas e alumnos do noso centro no curso 2018. 
Agora que están a cursar 2º de BAC, desde aquí aproveitamos para desexarlles  todo o mellor e animar as rapazas a que contribúan no seu futuro a romper a brecha de xénero  no mundo da ciencia e a tecnoloxía.
 


RECURSOS PARA TRABALLAR NA AULA

 

2/2/22

DÍA ESCOLAR DA PAZ NO CPI AS MIRANDAS

O 30 de xaneiro celebráse o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. Neste día, ademais de conmemorar o aniversario da morte de Gandhi trataremos de imaxinar un mundo sen violencia, sen guerra, sen odio, sen prexuízos, sen pobreza... un mundo no que todos poidamos vivir en harmonía e igualdade.

Hoxe, máis que nunca, pedimos un mundo en PAZ!

Video  gravado por todo o cole para festexar este día.

 Aprendemos a canción "SIENTE LA PAZ" e signámola en LSE.

Dentro do proxecto Erasmus fixemos entre todo o cole un mural pola paz cunhas ás de plumas feitas por todo o alumnado do cole.

 

 

 E realizamos uns atrapasoños da paz que quedaron así de bonitos! 


 E as nenas e nenos de infantil realizaron, pombas e mans da man e fixeron este magnífico mural que podedes ver non seguinte vídeo.