28/3/15

METEOREFRÁNS

Aquí vos deixamos o traballo que fixeron os nosos nenos e nenas de 3º de E.P. escolleron refráns relacionados co tempo e explicáronnolos.

 Disfrutádeo


25/3/15

III CONCURSO RELATO CURTO CONCELLO DE ARES

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ares organiza o III Concurso de Relato Curto. Despois do magnifico obradoiro sobre relato curto que realizou o profesor e escritor Fernando Díaz-Castroverde, de seguro que non teredes ningún problema en deixar voar o voso maxín e poñervos mans a obra para presentar as vosas creacións ao concurso. Ánimo... e a contar!!!
 Aquí vos deixamos as bases. 




APRENDEMOS A CONTAR


Homer Simpson, nocilla, nave espacial, piollo, zombi. Como enfías todas esas ideas para artellar un relato?. Con esa suxerencia motivadora, o profesor e escritor Fernando Díaz-Castroverde, tentou provocar a creatividade literaria no imaxinario do alumnado da ESO.
Ao longo da sesión de obradoiro que impartíu, propuxo diferentes métodos imaxinativos para rachar coa habitual obstrución que nos dificulta a creación literaria. Todo serve como material narrativo, todas as formas de presentalo son útiles para botar a contar.
Perdemos o medo. A contar!!!






18/3/15

3º CICLO. CORUÑA:CONCERTO-DOMUS-CASA CIENCIAS

HOXE OS RAPACES E RAPAZAS DO 3º CICLO FIXEMOS UNHA VIAXE A CORUÑA. ESTIVEMOS NO PALACIO DA ÓPERA PARA ASISTIR A UN CONCERTO DA ORQUESTRA SINFÓNICA :" A FLOR MÁIS GRANDE DO MUNDO" LOGO ESTIVEMOS NA DOMUS ,ONDE APRENDIMOS MOITAS COUSAS CURIOSAS.TAMÉN XANTAMOS ALÍ ,TODOS XUNTOS, .POR PRIMEIRA VEZ PARA OS NENOS DE 5º FIXEMOS UNHA COMIDA ENTRE COMPAÑEIROS. XA POLA TARDE NOS DESPRAZAMOS A CASA DAS CIENCIAS. ALÍ TAMÉN VIMOS MOITAS COUSAS INTERESANTES.EN DIRECTO VIMOS O NACEMENTO DUN POLIÑO , COMO ROMPÍA O OVO E ÍA SAINDO POUCO A POUCO.TAMÉN SUBIMOS A UNHA SESIÓN DE PLANETARIO,ONDE NOS EXPLICARON MOITAS COUSAS, ENTRE ELAS O QUE ERA UN ECLIPSE E QUE O PODEMOS VER O VINDEIRO DÍA 20 POLA MAÑÁ. CHEGAMOS DE VOLTA UN POUCO CANSOS(XA ERAN AS 19H.) PASÁMOLO MOI BEN.PERO TEMOS QUE PROMETER QUE A PRÓXIMA VEZ SABEREMOS PORTARNOS UN POUCO MELLOR (algúns,claro). DE ACORDO????
>

NÓS LEMOS, E TI...?

Co fin de promover a cultura galega a través da literatura infantil e xuvenil a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) xunto coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), organiza o concurso escolarNós lemos, e ti? destinado a lectoras e lectores que estean estudando Primaria ou primeiro ciclo de Secundaria.

 


16/3/15

VISITA DE 5º B E.P. A ILUNION -LAVANDERÍA

No noso cole xa levamos varios anos presentándonos ao Concurso Escolar ONCE, con moi bos resultados, por certo. Este ano o lema é “Persoas que pensan en persoas”: apoia a economía social. E hoxe os alumnos e alumnas de 5º de primaria foron, por xentileza da Fundación ONCE, a visitar unha empresa de  economía social dedicada á “lavandeiria industrial”. Unha empresa que aposta pola integración laboral das persoas con discapacidade a través da creación de emprego estable e de calidade e que impulsa o desenvolvemento de plans de formación dos traballadores/as para aumentar as súas capacidades e competencias.
Nada máis chegar recibiunos moi amablemente o seu director  Rafael Pichel quen nos explicou de xeito moi didáctico o que era iso da economía social, aínda que non tivo que afondar moito xa que os rapaces e rapazas sabían perfectamente o concepto (mira que son listos estes nenos). Explicounos tamén, interrompido polas moi pertinentes preguntas dos alumn@s, que se dedicaban a procesar toda tipo de roupa que se xenera nos hospitais, hoteis, empresas, residencias.. Logo amosounos como era o proceso de traballo antes de ir ver, cos nosos propios ollos, o funcionamento.  E alá fomos. Enfundados coas camisetas que nos regalaron, comezamos o noso percorrido polas instalacións. E puidemos ver todo o proceso da industria, dende  o desembarco da roupa sucia, ata a súa clasificación para o lavado, as inmensas maquinas que lavan máis de media tonelada de roupa nunha hora, o proceso de secado, planchado e posterior embalaxe para devolvelas limpas e resplandecentes aos seus lugares de orixe. Neste percorrido tamén nos acompañou Luís, que é o xefe de produción da planta.

E durante o percorrido atopámonos traballando a Claudio, un operario Xordo co cal, sorpresa!!, puidemos comunicarnos un pouquiño grazas aos nosos pequenos coñecementos da lingua de signos que nos ensinou Luísa, a profe de lingua de signos do noso cole. Como “fliparon” os rapaces e rapazas. Podedes ver o vídeo máis abaixo.
E xa rematada a visita volvemos con Rafa á sala de reunións onde os rapaces volveron a facerlle unha morea de preguntas. Para rematar regalounos unhas estupendas bolsas/mochilas que nos van  vir moi ben para meter as nosas cousiñas. 

A verdade é que foi unha visita moi instrutiva e gratificante. Grazas a Rafa por amosarnos como traballa unha empresa pioneira e innovadora que mantén o equilibrio entre os valores económicos e sociais. E graciñas tamén aos traballadores e traballadoras que tan amablemente aturaron a nosa visita. Foi todo un pracer. 

Aquí tedes o vídeo-resumo.

                   

Premio Fernández del Riego para as Bibliotecas Escolares de Galicia

As Bibliotecas Escolares de Galicia obteñen o premio Fernández del Riego, na edición deste ano. Así o presentan na súa páxina. "O Premio Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural foi para as Bibliotecas Escolares de Galicia, unha iniciativa que se foi consolidando ao longo de dez anos e cuxo obxectivo é a dinamización da lectura nos centros escolares de toda Galicia, de primaria e secundaria. Douscentos vinte e oito centros galegos contan con CLUB DE LECTURA e nun 25% destes centros tamén funcionan grupos de lectura de adultos. Segundo a Asesoría de Bibliotecas Escolares, os responsables desas bibliotecas e os coordinadores manteñen unha xuntanza anual, os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, e o mesmo acontece cos coordinadores dos clubs de lectura na Xornada de Clubs de Lectura. E así aparece no portal educativo. Así, recolle a nova, Manuel Bragado, director de Xerais, na súa páxina Brétemas. Recibir este premio, co nome de Ferna´ndez del Riego, o gran bibliógrafo, bibliotecario da Fundación Penzol, é unha gran honra para as bibliotecas escolares, unha delas -a do CIFP Manuel Antonio- leva o seu nome. Parabéns para todas!

6/3/15

8 de MARZO: DÍA DOS DEREITOS DA MULLER


Este domingo 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Neste día é fundamental recordar que todas as persoas, xa sexa homes ou mulleres, posúen unha dignidade e, por iso, teñen dereito á igualdade. Ademais, este ano 2015 é un momento histórico: cúmprense 20 anos da Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, folla de ruta para a materialización dos dereitos das mulleres, e cúmprese a data fixada para o cumprimento dos Obxectivos da Educación para Todos (EPT) e dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).
A día de hoxe, aínda queda moito por facer para que os dereitos das mulleres e as nenas non sexan vulnerados. Aínda non fomos capaces de suprimir as disparidades entre sexos no ensino primario e secundario e lograr a igualdade de xénero na educación. Os obstáculos máis relevantes son a pobreza, as prácticas sociais discriminatorias, a distancia dos centros escolares para as persoas que viven en zonas rurais, os matrimonios precoces, a falta de instalacións sanitarias axeitadas que fai que as mulleres e as nenas sexan máis vulnerables á violencia, ou vivir en ámbitos escolares perigosos por conflitos armados.
 O Estado ten un papel fundamental en promover políticas e estratexias adecuadas para lograr unha educación de calidade para nenas e mulleres, como por exemplo: 
•Asegurar un investimento axeitado que teña impacto en todos os obstáculos que impiden a educación das mulleres e nenas.
•Acurtar as brechas producidas pola pobreza e a exclusión e facer que a educación sexa de igual calidade para todos e todas.
•Revisar a estrutura e o funcionamento xeral do sistema educativo, erradicando calquera forma de discriminación e incluíndo eixes transversais para a equidade de xénero.
•Unha boa escola vai asociada a un bo proxecto de comunidade. Coherencia entre os códigos éticos da escola e os códigos éticos que desenvolve a convivencia cotiá.
•Garantir unha boa formación dos docentes en perspectiva de xénero, cidadanía e democracia.
•Asegurar características inclusivas na escola como: infraestruturas axeitadas, contidos e materiais educativos comprometidos coa igualdade de xénero e que sexan espazos de reeducación das relacións entre home e mulleres eliminando os roles tradicionais.

Para a consecución plena do dereito á igualdade no mundo, son necesarias sociedades que traballen en pro de dito dereito e a favor do empoderamento das mulleres. Está amplamente recoñecido pola comunidade internacional, que os países con maior igualdade entre homes e mulleres experimentan progresos en diferentes ámbitos como maior crecemento económico, erradicación da pobreza, desenvolvemento sostible e acordos de paz máis duradeiros.

Por iso todos debemos de  seguir traballando na liña da sensibilización. Porque, cantos máis sexamos empurrando nesta dirección, máis forte será a nosa voz e máis pronto lograremos alcanzar a meta dunha cidadanía igualitaria, con plenos dereitos e garantista dunha igualdade real e diaria entre homes e mulleres.


4/3/15

XA ESTÁ AQUÍ A "II EDICIÓN DO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS"

O equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) e a Biblioteca Escolar (Carabela) do noso centro,  organizan a II Edición do Concurso de "Portada de libros" para fomentar a lectura en galego e a capacidade creativa do noso alumnado.

 Aquí tedes as bases. Veña animádevos a crear!!!!!.


                       
                           II edición concurso portada de libros from Yolanda Castro López