29/10/20

RECURSOS DIDÁCTICOS SAMAÍN E MAGOSTO

 

Achégamos unidades didácticas para infantil e primaria de Samaín 2020 e do Magosto 2020, elaboradas polos EDLG de varios centros de ensino da Coruña, con diferentes textos, actividades e manualidades por se vos son de utilidade para celebrar estas dúas festas. Saúdos


SAMAÍN 2020 by veracruces on Scribd

23/10/20

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR , quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construciónn da  persoa lectora  a través de distintas actividades de distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa, que a ten sempre ao seu carón. Este lema é aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración.

 


9/10/20

UNHA MANDA DE PEZAS PARA ISAAC



Este ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo e Alento Esbravexo convoca un concurso onde cadaquén pode inspirarse en algo relacionado coa figura de Isaac Díaz Pardo (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.), tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.

O prazo de presentación das obras remata o 13 de agosto de 2020.

Para participar deberase enviar un correo a: alentoesbravexo@gmail.com

Con todo o material recibido tentarase facer un libro, unha exposición,...(sempre dependendo da situación vírica actual).

 Preme aquí para consultar as BASES

Máis información no seguinte enlace: https://axendacultural.aelg.gal/2020/06/30/proposta-unha-manda-de-pezas-para-isaac/


2/10/20

A BIBLIOTECA NON ESTÁ PARADA.






 A nosa biblioteca está toda feita un lío, pero non está parada. Como, de resultas da Covid 19, temos que adaptar o seu funcionamento, estamos organizando un sistema de préstamos adaptado. Así que aquí andamos: montamos mobles para os préstamos ás aulas, reorganizamos as mochilas viaxeiras para permitir a corentena dos libros, elaboramos os protocolos de uso...  Movémonos, e xa pronto volveremos a abrir para o préstamo individual. 



1/10/20

MAFALDA INMORTAL

 

Onte deitámonos coa mala nova do pasamento do gran Quino...pero Mafalda será inmortal.

A primeira historieta de  Mafalda publicouse o 29 de setembro de 1964 no semanario Primeira Plana, pero a nena nacera un ano antes, creada para un anuncio –que nunca viu a luz– da axencia de publicidade onde  Quino traballaba para financiar a súa paixón polo debuxo. Fillo de inmigrantes andaluces, con trece anos empezou a estudar Belas Artes en  Mendoza, pero fartouse do clasicismo da academia para dedicarse ao cómic e aos 18 anos foi vivir a Buenos Aires, publicando a súa primeira tira cómica no semanario “Esto Es”  en 1954.

As aventuras de  Mafalda publicáronse entre 1964 e 1973, pero seguiron reeditándose, traducíndose,  replicándose en revistas e diarios e percorrendo o mundo e as distintas xeracións durante medio século. Ata hoxe.

Aínda que a súa vixencia no século  XXI é total, o debuxo de  Mafalda quedou conxelado en 1973, o humorista non dubidou en recrear a  Mafalda por unha boa causa, como cando en 1977 ilustrou a Declaración Universal dos Dereitos dos Nen@s para Unicef. O debuxante e a súa filla Mafalda foron obxecto de múltiples homenaxes e recibiron galardóns por todo o planeta, destacando no 2014 o ­título de Cabaleiro da Lexión de Honra de Francia e o Príncipe de Asturias de Humanidades.

Ata  sempre  Quino.  Sempre nos quedará  Mafalda.