29/10/19

24 de OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

O pasado 24 de outubro celebramos o día das bibliotecas cunha actividade moi motivadora " Vaia Conto ".
Colocamos polo patio imaxes de diferentes personaxes de contos e lles entregamos unha folla onde tiñan que identificar a personaxe, o título e  o autor ou autora de cada imaxe.
Encantoulles!!! e achegamos un pouco máis os contos...


 













11/10/19

MOBILÍZATE POLA SELVA

       Este ano queremos retomar unha campaña que iniciaron no curso 2015-2016, na clase de valores, nenos e nenas que actualmente están no grupo de 6ºA.
      O obxectivo desta campaña é reunir móbiles vellos para envialos a una empresa que os recicla e envía parte dos beneficios obtidos ao Instituto Jane Goodall (IJG). Este instituto realiza unha importante labor social e medioambiental en todo o mundo e, concretamente, no Congo, onde existen graves conflitos derivados en gran medida do enorme consumismo da nosa sociedade: guerras polo coltán, a casiderita e outros minerais empregados na fabricación de aparatos electrónicos, a explotación infantil nas minas, os monocultivos de palma que acaban coa selva e que, xunto coa actividade dos furtivos, ameazan a supervivencia de moitas especies, etc.
MOBILÍZATE POLA SELVA from Bárbara on Vimeo.

    Reuníronse 84 móbiles e, gracias a iso, como agradecemento, conseguimos unha subscrición anual ao Instituto Jane Goodall e o APRADINAMENTO DE 3 CHIMPANCÉS: ANZAC, LEMBA E KAUKA.

     Aquí podemos ver vídeos de como chegaron ao Centro de Recuperación de chimpancés de TCHIMPOUNGA, no Congo.


ANZAC




 LEMBA




KAUKA




WOUNDA, unha historia de esperanza.





    Tamén podedes consultar a páxina oficial do IJG.
   Todos os informes que nos vaian enviando sobre Tchimpounga e sobre os "nosos chimpancés" estarán á vosa disposición na biblioteca do centro.


MENSAXE DE JANE GOODALL.
        


8/10/19

BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA

O lema das bibliotecas para o presente curso 2019/2020 é "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.
Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.