2/11/17

I PREMIO CIENCIA, ARTE E LITERATURA: AS EMOCIÓNS ENTRONCADAS.

Con motivo da celebración do día da Ciencia en Galego, o departamento de Bioloxía-Xeoloxía, o departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística propoñen un proxecto para achegar a ciencia ao mundo da Arte a través das letras, no que o alumnado xoga un papel protagonista. O proxecto desenvólvese en tres fases.

Na primeira semana, o departamento de Bioloxía-Xeoloxía proporciónalle ao seu alumnado 33 fotografías das presentadas aos premios VII premio de fotografía de la ciencia 2016,  Wildlife 2017, Stunning science 2017, Best microscope photo of the year 2017, sen título nin autor, xunto cun formulario para que os discentes de cada grupo seleccionen as 7 fotografías que máis lles gustan.
A continuación, na materia de Bioloxía-Xeoloxía, as 4 fotografías máis votadas por ese grupo distribúense en subgrupos, para que cada subgrupo traballe cunha soa fotografía. Se houbera empate en distintos cursos, priorízanse os niveis inferiores sobre os superiores, para facilitarlles a análise das fotografías elixidas, debido ao seu menor percorrido académico. Unha vez que cada subgrupo ten asignada unha fotografía comeza a segunda fase.

 Na segunda fase, cada estudante de cada subgrupo achega un fragmento dun texto literario en prosa ou en verso, seleccionado da Biblioteca Virtual de Galicia, que escollen na casa, para poñer voz ás fotografías máis votadas da súa aula, tendo en conta o criterio Que emocións, sentimentos che producen estas fotografías?.

Cada texto seleccionado irá cunha xustificación do porqué se seleccionou ese texto. Logo, na materia de Lingua Galega, os estudantes de cada subgrupo escollen so un texto, aquel que eles consideren que mellor se adapta ao que lles transmite a fotografía.

Por último, na derradeira fase, na semana da ciencia en galego, realizarase a exposición-concurso Ciencia, Arte e Literatura: as emocións entroncadas.  Expoñeranse as 20 fotografías seleccionadas, co pé de foto que indica o autor/a, título orixinal, premio fotográfico, texto literario escollido e autores da selección. Ademais, proponse que na hora de lectura do día 6 de novembro se lean eses textos e que algún membro dos grupos xustifiquen a selección dese texto.

Un grupo de expertos (docentes das áreas de Ciencia, Arte e Literatura) premiará as tres mellores asociación de foto-texto seguindo os criterios que se enumeran nas bases do concurso.

Xurado: Departamento de Matemáticas, Departamento de Física e Química, Departamento de Xeografía e Historia, Departamento de Língua Castelá, Departamentos de Francés e Inglés e Equipo de Dinamización Lingüística.

 A exposición estará aberta ao público en xeral na semana da Celebración da Ciencia en Galego, do 6 ao 12 de novembro na entrada do edificio administrativo do CPI As Mirandas.

Agradecemos a colaboración da Concellería de Educación do Concello de Ares. Posteriormente as fotografías exhibiranse nos locais do Concello (Biblioteca, Casa da Xuventude...)


No hay comentarios:

Publicar un comentario