A experiencia de Xosé Tomás como profesor de inglés no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal), centro que conta cunha biblioteca moi activa, sen dúbida está detrás da amplitude de posibilidades que imaxina na súa recreación gráfica.
Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario