Formaciónn de Usuarios
19/6/23
Suxestións lectoras de verán, 2023
6/6/23
EXITO DA V FEIRA "DANZANDO CO MUNDO QUE QUEREMOS"
Non podemos estar máis que satisfeitos da xornada de onte na que se reflectiu o traballo colaborativo realizado no noso cole durante este curso e que deu como resultado a V Feira “Danzando co mundo que queremos”.
Parabéns a toda a comunidade educativa: a todos os profes de infantil, primaria e secundaria, a todo o alumnado do centro desde os máis pequerrechos ata os máis maiores, que traballaron e colaboraron dunha maneira impecable realizando unha gran labor en cada un dos stands representados; aos alumn@s da materia de tecnoloxía pola realización dese estupendo piano de chan que tanto gustou aos nenos e nenas; ao grupiño de músicos da mini Big Band que nos acompañou durante toda a xornada- xodes uns cracks-, a Tino Fernández e os seus alumnos do CIFP Ferrolterra por eses obradoiros de robótica- unha delicia para os nenos e nenas, e que ben o pasaron-, aos profes e alumnado de infantil e primaria que prepararon esa actuación de baile tan chula e por suposto á dirección e profesorado do CPI As Mirandas por promover e apoiar todas as iniciativas que se están a levar a termo no noso centro e a todas as familias e veciñanza que nos acompañaron nesta xornada.
Grazas a todos por facer que resultase todo un éxito
15/5/23
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023
A Real Academia Galega escolleu este ano ao escritor en intelectual Francisco Fernández del Riego como persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023 .
En Vilanova de Lourenzá nace Francisco Fernández del Riego, o 7 de xaneiro de 1913, primeiro fillo dunha extensa familia. Tras formarse no seu pobo natal e en Mondoñedo, en 1930 iniciou a carreira de Dereito en Madrid, pero ao ano seguinte instalouse coa súa familia en Santiago de Compostela, onde a acabou en 1934 e empezou a exercer como profesor axudante de Dereito Civil. Ao estalar a guerra en 1936 alistouse para evitar ser represaliado polas súas actividades políticas, pois non só era secretario das Mocidades Galeguistas, senón que fixera unha intensa campaña en apoio do estatuto de autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, e era coñecido como un destacado membro da xeración de mozos intelectuais do Seminario de Estudos Galegos. Tras a guerra instalouse en Vigo, contraeu matrimonio e comezou a traballar primeiro como profesor no ensino privado e despois como avogado.
Posiblemente é a figura máis premiada da historia da cultura galega, pois recibiu, entre moitos outros, os seguintes galardóns: Premio de Ensaio do Centro Galego de Buenos Aires (1948), Premio Pedrón de Ouro (1979), Medalla Castelao (1985), Premio Trasalba (1988), Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia (1992), doutor honoris causa da Universidade de Vigo (1992), Galego Egrexio (1993), Premio Fernández Latorre de Xornalismo (1994), Premio Otero Pedrayo (1995), Insignia de Ouro da Universidade de Santiago (1996), e o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1997).
As nenas e nenos de infantil celebran o Día das Letras galegas co recitado de poemas en galego.
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023 POR AFUNDACIÓN
Para homenaxear o Día das Letras Galegas 2023, desde Afundación convidámosvos a coñecer e participar nas seguintes actividades dixitais.
14/5/23
DÍA DO LIBRO 2023
No día do libro de 2023 a biblioteca Carabela en colaboración con Dinamización, organizamos a primeira edición do "Desfile de Personaxes de Contos"
3/5/23
VI EDICIÓN DO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS
Co gallo das actividades para conmemorar o Día Das Letras Galegas, o Equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) e a Biblioteca Escolar Carabela organizan a VI Edición do Concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa preténdese fomentar a lectura en lingua galega así como potenciar as capacidades creativas do alumnado.
BASES
1.- Dirixido a: Todos os alumnos/as do CPI As Mirandas, que poderán participar cun máximo de 2 obras. En infantil o traballo a presentar será de aula.
2.- Tema: O concurso ten por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a teña lido. Na portada ten que constar o título e o nome do autor do libro ademais da decoración que o alumno/a desexe engadir: fondos, fotos , debuxos, distintos tipos de letras, diversos materiais, etc. O libro pode ser de calquera xénero: poesía, contos, novela, teatro, ensaio, divulgación… Pola parte de atrás irá o nome e curso do alumno/a participante.
3.- Formato: Tamaño mínimo un cadrado de 21x21 cm. e máximo un A3 (29,7x42 cm.)
4.- Técnica: Poderase utilizar calquera tipo de técnica bidimensional: rotuladores, lapis, témperas, collage, banda deseñada,etc. Tamén se poden combinar técnicas: letras a ordenador e debuxos a man, fondos de témpera e un collage superposto, composicións feitas con volume e despois fotografiadas, etc.
5.- Soporte: En función da técnica dos traballos, pódense entregar en papel, cartolina, cartón, lenzo ou como un arquivo informático se é o caso dun traballo feito por ordenador.
6.- Data e lugar de entrega: A data de entrega remata o 15 de maio e os traballos se entregarán na biblioteca Carabela do noso centro.
7.-Premios: Outorgaranse varios premios en función das idades. En infantil serán premios de aula. Con todos os traballos presentados farase unha exposición no centro así como a presentación dos mesmos a través dos blogs do EDLG e da Biblioteca e redes sociais.
ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO III CONCURSO DE ESCRITURA CREATIVA DE MICRORRELATOS
A Alianza Aresana acolleu o venres 28 de abril, o acto de entrega de premios do III Concurso de Escritura Creativa de microrrelatos, organizado polo CPI as Mirandas e o Concello de Ares e que contou cun total de 106 participantes, divididos en dúas categorías, a de “Primaria” (4º, 5º e 6º) e a de “ESO”.
👉Os gañadores nas respectivas modalidades foron Valeria Villares Otero con “A nena pantasma” e Leo de Navas Rodríguez con “A vida soñada”. Ambos recibiron o premio dunha tablet/ebook.
👉Tamén recibiron premios os segundos clasificados de cada categoría, neste caso un lote de libros. Así, Elia Toribio García con “A praia”, quedou finalista na modalidade “Primaria”; e Lucas Varela Rodríguez con “Rosalía, miña vida” recibiu o segundo premio na categoría de “ESO”.
👉Ademais, houbo mencións especiais en cada categoría, que recibiron un diploma acreditativo. No caso da categoría de "Primaria" a mención foi para Hugo Martínez Cereijo con "A casa queimada"; e Larraitz Aranaga Carrasco con "A primeira man que sostivo a miña" na modalidade de "ESO".
👉Na valoración dos traballos os criterios do xurado foron, entre outros, a creatividade e orixinalidade da temática, a claridade da mensaxe e da estrutura, o ritmo xeral da historia ou os trazos estilísticos na escrita.
👉O xurado extivo composto por Rosa Arnoso, profesora do CPI As Mirandas; Ariana Pena, especialista en pedagoxía terapéutica no CPI As Mirandas e Alma Barrón, edil de Cultura da localidade, ademais de Yolanda Castro, responsable do departamento de normalización linguística do CPI As Mirandas, en calidade de secretaria.
A continuación podedes ler os relatos premiados:
III Concurso Microrrelatos. CPI as Mirandas by Yolanda Castro López on Scribd
20/3/23
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2023. CPI AS MIRANDAS
Neste Día Internacional da Muller, desde o CPI As Mirandas de Ares, vai o noso recoñecemento a todas as mulleres e o noso desexo dun futuro en igualdade en tódolos ámbitos da vida. Grazas a todas por saber escribir a historia con tinta indeleble e por deixar a vosa pegada nas nosas vidas.
Por una igualdade real e efectiva entre homes e mulleres!
Manifesto
O grupo Fillas de Cassandra recupera as heroínas dos textos clásicos gregos para achegar unha visión feminista e contemporánea. Cantamos e bailamos a canción Lisistrata (Varre vasoira) deste grupo.
Journée internationale des droits des femmes .
Traballo feito polo alumnado de 3º da ESO de francés no Día Internacional da Muller.
O alumnado do 1º ciclo de primaria realizou este vistoso mural para conmemorar esta data.
ROSALÍA DE CASTRO A TRAVÉS DOS NOSOS MURAIS
As nenas e nenos de infantil sumáronse á conmemoración do Día de Rosalía facendo este fermoso mural inspirado na frase de Rosalía de Castro:
“ Galicia florida, cal ela ningunha de frores cuberta, cuberta de espuma».
Que preciosidade!
Tamén o alumnado de 3º e 4º da ESO, realizou na materia de Relixión un vistoso mural. Seguindo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que utiliza este ano o lema #cumpriuseaxustiza, o collage denuncia as inxustizas do mundo, plantexando a pregunta... "Que diría Rosalía"?.
A rapazada buscou na prensa imaxes de conflitos bélicos de hoxe, da inmigración no mundo, da explotación no traballo, os prezos da vivenda... e plasmouno no mural ilustrando as imaxes con palabras que nos deben facer reflexionar, e que ben poderían ser ditas por Rosalía, hoxe en día: xustiza social, loita, lei, aldraxe, desigualdade, inxustizas, dignidade, solidariedade, conciencia, moral...
DESCUBRINDO A ROSALÍA DE CASTRO
Os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria gozaron do contacontos “A miña historia”, unha revisión da vida de Rosalía de Castro a través dos seus propios textos, representación que correu a cargo da compañía Trémola.
Todos e todas puideron coñecer, a través do personaxe de Andrea, as anécdotas e a historia da nosa poetisa máis universal, muller pioneira no seu tempo e que hoxe en día cobra máis sentido ca nunca.
Esta actividade enmárcase dentro dos actos organizados polo Concello, da man do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade, para homenaxear a Rosalía de Castro.
A verdade e que nenas e nenos o pasaron , XENIAL!.
DÍA DE ROSALÍA NO CPI AS MIRANDAS
Hoxe nun fermoso acto homenaxeamos á nosa escritora máis universal, Rosalía de Castro. O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza#. Un lema que a escritora Carme Adán fai seu a modo de pregunta e interrogante no manifesto que escribiu para este día e que alumnado e profesorado, leron no noso centro.
Como broche final rematamos co “Concerto a Rosalía” a cargo da “Mini big band” do noso cole. Un luxo ter a esta rapazada sempre disposta. Grazas mil.
O himno galego puxo fin ao acto.










































