20/12/20

Ansia de ler: libros para agasallar e para disfrutar.

 No medio dunha pandemia que nos obriga a reducir a nosa vida social, na incerteza, na inquedanza, a lectura é un recuncho no que podemos agocharnos.

 Un libro abre as fiestras a todo un mundo sen máscaras. Un libro lévanos de viaxe sen saír da casa. Un libro acompaña. 

A soas, cos nenos, coa familia: le. 

Feliz Nadal.

 

25/11/20

DÍA INTERNACIONAL DA VIOLECIA DE XÉNERO NO CPI AS MIRANDAS

Hoxe é o Día Contra a Violencia de Xénero . Traballamos nas aulas este tema tan importante realizando varias actividades encamiñadas a concienciar ao alumnado sobre a relevancia deste problema na sociedade.

Aquí tedes os murais e paneis realizados en infantil, primaria e ESO así como un vídeo no que toda a comunidade educativa súmase  á loita contra esta lacra que a día de hoxe segue a deixar sen soños e sen vida a moitas mulleres.



A continuación podedes ver o vídeo relizado polo alumnado de 6º E.P.

MURAL DOS PEQUERRECHOS DE INFANTIL


EXPOSICIÓN DE CARTEIS DO ALUMNADO DA ESO





20/11/20

20 novembro. DÍA DOS DEREITOS DOS NENXS

O 20 de novembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos dos Nenxs. Desde o CPI As Mirandas queremos chamar a atención sobre os millóns de nenos e nenas que seguen sen ter acceso aos dereitos máis básicos como a educación, a sanidade, un fogar...e que teñen que abandonar os seus soños. E facemos tamén un chamamento aos gobernos para que cumpran os seus compromisos de realizar plenamente os dereitos da infancia. Hai que traballar para que todos, independentemente do lugar ou as condicións nas que nazan, teñan un futuro mellor!   

          Os nenxs son o recurso máis importante do mundo e a mellor esperanza para o futuro.

       Aquí podedes ver o vídeo que as alumnas e alumnos de 2º ESO realizaron para difundir esta data.

Charlas ARELAS

Esta semana e a pasada tivemos a oportunidade de que Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, realizara unha charla en liña de sensibilización sobre o colectivo LGBT dende a nosa biblioteca Carabela para os cursos 5º e 6º dentro do contrato-programa CON-VIVE.

A asociación ARELAS é unha asociación de familias de nenxs e adolescentes transexuais, cuxo obxectivo é traballar e promover a defensa dos dereitos dxs nenxs e adolescentes trans en todos os ámbitos da súa vida.


Nestas charlas, na que o alumnado se mostrou moi participativo, aprenderon sobre os seguintes temas:


- Os catro elementos que conforman a diversidade afectivo- sexual: sexo asignado, identidade sexual, orientación sexual e expresión de xénero. 

- Colectivo LGTBI+. Referentes e pioneirxs. 

- Principais formas de homofobia e transfobia. 

- Acoso LGTBIfóbico e as súas consecuencias. 

- A importancia de respectar e acompañar a diversidade.








29/10/20

RECURSOS DIDÁCTICOS SAMAÍN E MAGOSTO

 

Achégamos unidades didácticas para infantil e primaria de Samaín 2020 e do Magosto 2020, elaboradas polos EDLG de varios centros de ensino da Coruña, con diferentes textos, actividades e manualidades por se vos son de utilidade para celebrar estas dúas festas. Saúdos


SAMAÍN 2020 by veracruces on Scribd

23/10/20

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2020. "A edición deste ano, baixo o lema 'Bibliotecas, sempre ao teu carón' céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia." Trátase de poñer en valor a capacidade de seguir ofertando servizos en circunstancias tan complexas como as que estamos a vivir.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que están sempre ao noso carón. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 

Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR , quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construciónn da  persoa lectora  a través de distintas actividades de distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa, que a ten sempre ao seu carón. Este lema é aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración.

 


9/10/20

UNHA MANDA DE PEZAS PARA ISAAC



Este ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo e Alento Esbravexo convoca un concurso onde cadaquén pode inspirarse en algo relacionado coa figura de Isaac Díaz Pardo (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.), tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.

O prazo de presentación das obras remata o 13 de agosto de 2020.

Para participar deberase enviar un correo a: alentoesbravexo@gmail.com

Con todo o material recibido tentarase facer un libro, unha exposición,...(sempre dependendo da situación vírica actual).

 Preme aquí para consultar as BASES

Máis información no seguinte enlace: https://axendacultural.aelg.gal/2020/06/30/proposta-unha-manda-de-pezas-para-isaac/


2/10/20

A BIBLIOTECA NON ESTÁ PARADA.






 A nosa biblioteca está toda feita un lío, pero non está parada. Como, de resultas da Covid 19, temos que adaptar o seu funcionamento, estamos organizando un sistema de préstamos adaptado. Así que aquí andamos: montamos mobles para os préstamos ás aulas, reorganizamos as mochilas viaxeiras para permitir a corentena dos libros, elaboramos os protocolos de uso...  Movémonos, e xa pronto volveremos a abrir para o préstamo individual. 



1/10/20

MAFALDA INMORTAL

 

Onte deitámonos coa mala nova do pasamento do gran Quino...pero Mafalda será inmortal.

A primeira historieta de  Mafalda publicouse o 29 de setembro de 1964 no semanario Primeira Plana, pero a nena nacera un ano antes, creada para un anuncio –que nunca viu a luz– da axencia de publicidade onde  Quino traballaba para financiar a súa paixón polo debuxo. Fillo de inmigrantes andaluces, con trece anos empezou a estudar Belas Artes en  Mendoza, pero fartouse do clasicismo da academia para dedicarse ao cómic e aos 18 anos foi vivir a Buenos Aires, publicando a súa primeira tira cómica no semanario “Esto Es”  en 1954.

As aventuras de  Mafalda publicáronse entre 1964 e 1973, pero seguiron reeditándose, traducíndose,  replicándose en revistas e diarios e percorrendo o mundo e as distintas xeracións durante medio século. Ata hoxe.

Aínda que a súa vixencia no século  XXI é total, o debuxo de  Mafalda quedou conxelado en 1973, o humorista non dubidou en recrear a  Mafalda por unha boa causa, como cando en 1977 ilustrou a Declaración Universal dos Dereitos dos Nen@s para Unicef. O debuxante e a súa filla Mafalda foron obxecto de múltiples homenaxes e recibiron galardóns por todo o planeta, destacando no 2014 o ­título de Cabaleiro da Lexión de Honra de Francia e o Príncipe de Asturias de Humanidades.

Ata  sempre  Quino.  Sempre nos quedará  Mafalda.



30/9/20

XOGO INFANTIL TURISTEANDO COS MIÚD@S

TURISTEANDO COS MIÚD@S, é o primeiro xogo infantil interactivo para que os miúdos e miúdas descubran a riqueza cultural e turística da provincia da Coruña. Un xogo realizado para o fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021 co que podedes xogar en calquera momento, no colexio ou na casa.

Se queredes xogar e acceder a el, só tedes que clikar na imaxe que tedes a continuación.

 


28/9/20

COMEZAMOS UN NOVO CURSO FORMÁNDONOS EN LINGUA DE SIGNOS

O 23 de setembro, celébrase o Día Internacional das Linguas de Signos. Unha data que Nacións Unidas declarou oficialmente en 2017 facéndoa coincidir co aniversario da Federación Mundial de Persoas Xordas para reivindicar estas linguas como parte da diversidade lingüística e cultural.

Se queremos un desenvolvemento saudable  para xs nenxs xordxs, é necesario superar aquelas ideas que obstaculizan a posibilidade de ofrecer e recibir unha atención integral que, entre outras cousas, inclúa a adquisición da lingua de signos nos colexios.

Esta semana  no noso cole,  formámonos  e aprendemos  LSE dá  man de Teresa dá Asociación de  Persoas  Xordas de Ferrolterra. Grazas  Teresa por abrirnos os ollos e as mans á LSE.

17/9/20

 

PROTOCOLO COVID-19

 

A biblioteca Carabela presenta o seu protocolo establecido e consensuado entre a dirección do centro e a biblioteca escolar.

Este protocolo supón  reorganizar os espazos e os tempos para dar cumprimento as medidas de distanciamento social coa finalidade de preservar a saúde da nosa comunidade educativa.

Medidas a adoptar:

1.- Aforo máximo 15 persoas ( 50% dos postos de lectura )

2.- Rutinas diarias:

-          Manter a distancia de seguridade.

-          Uso de protección facial

-          Hixienizar as mans ao entrar e saír da biblioteca

-          Hixienizar o posto ao saír por parte do usuario

-          Ocuparanse unicamente os postos sinalizados.

-          Ventilación da biblioteca despois dos recreos e de cada uso.

3.- Organización de préstamos:

O sistema de préstamos continuará funcionado nos recreos tal e como esta establecido nas normas de biblioteca ( 3 libros ou películas, 15 días ) Habilitaremos un espazo na entrada da biblioteca para deixar os préstamos que permanecerán 2 días en corentena antes de reincorporalos aos andeis.

Os titores terán a súa disposición as coleccións que están nos armarios dos corredores. Debe recordarse que tras o seu uso e devolución  por parte dos nenos terán que estar dous días en corentena antes de gardalos.

 4.- recreos:

Estableceranse quendas:

HORARIO

LUNS

MÉRCORES

VENRES

12:15-12:30

12:35-12:50

 4.- Funcionamento:

Dado o aforo máximo permitido non se contempla a reserva de horario por parte das titorías pero si se permitirá o uso da biblioteca a grupos que non superen o aforo. O responsable do grupo controlará a hixienización e ventilación da mesma.

Haberá tres ordenadoras a disposición do alumnado respectando a distancia social. Cada usuario encargarase da hixienización antes e despois.

Este curso  contemplamos unha modificación no préstamo das  Mochilas Viaxeiras. Cada aula contará con dúas mochilas que se alternarán no préstamo para garantir a corentena dunha semana. Comezamos con primaria

Realizaranse préstamos de lotes de material para cada aula en función dos intereses do alumnado e profesorado. De cada vez que o material se devolva á biblioteca  permanecerán dous días en corentena.

En principio non se contempla a participación do alumnado de 5º e 6º como colaborador da biblioteca esta labor recaerá nos membros do equipo.

Dependendo da evolución da situación sanitaria poderá replantexarse esta medida.

Todas as actividades que se promovan por parte da biblioteca terán que ter en conta a necesidade de hixienización, distanciamento persoal e ventilación.  Na programación das actividades priorizarase a actuación no exterior e nas aulas.