27/1/20

ERRANTES POLO MUNDO. DÍA DE ROSALÍA

   

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 

       Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, creado nesta ocasión polo escritor Daniel Asorey.

     O lema da proposta, Errantes polo mundo, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 21 de febreiro a realización das seguintes actividades: 

  •  Suxerimos que o alumnado traballe fotos, debuxos, fotos pintadas, editadas, gravados... que tratasen o tema das migracións actuais, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20. As fotos, debuxos, gravados, etc., terán como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos...). 
  • Trataríase de textos que o alumnado e profesorado estimen interesantes (por exemplo, os poemas “Airiños airiños, aires”, “Adios rios, adios fontes”, “Castellanos de Castilla”, “Vivir para ver”, “Tecín soia a miña tea”, “Pra a Habana!”, “¿Que lle digo?”, “Tan sóio”, “Daquelas que cantan”, “Amores cativos” ou “A xustiza pola man”). Tamén se podería ampliar a elección das fotografías, deseños e versos a aqueles teñan en conta a idea de errante na elección da identidade sexual, afectiva e de xénero, a partir, igualmente, dos versos de Rosalía que o alumnado considere acaídos. 
  • Todas as fotos, deseños, gravados... cos seus versos como pé, poderían encher os corredores dos centros e divulgarse en redes sociais como Instagram, Facebook, Twitter..., tamén baixo o lema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 
  • Como remate poderíase realizar unha actividade de Postcrossing (enviar esas postais cun verso de Rosalía no pé sobre o tema #ErrantesPoloMundo_rdc_20 a outras persoas). As postais pódense enviar individualmente, entre clases ou entre centros, ben por correo postal ou empregando as redes sociais como Whatsapp, Telegram... Despois pódense compartir as recibidas, ben fisicamente, ben nas redes sociais. 
     En relación a esta proposta de actividades, recomendamos encarecidamente que se usen imaxes con dereitos de uso libre en internet (indicando, en todo caso, a fonte desde a que se obteñen). A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #ErrantesPoloMundo_rdc_20. A

     AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2020, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2020/2/23/dia-de-rosalia-de-castro-2020 Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario