15/6/18

14 DE XUÑO. CELEBRAMOS O DÍA NACIONAL DA LÍNGUA DE SIGNOS

Hoxe, 14 de xuño, celebrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, e dende o CPI As Mirandas queremos recordar este día mediante a publicación dunha canción de Sés “Tempestades de Sal” en Lingua de Signos Española. Ao longo do vídeo facemos un rápido percorrido histórico sobre as principais figuras e acontecementos que influíron e determinaron a educación das persoas xordas dende o século XVI ata a actualidade.

             

Como veredes aparecen dende mestres como Fray Pedro Ponce de León que establecerá o primeiro método de ensinanza para xordos, educando a fillos de nobres para que demostrasen capacidades intelectuais, e así poder obter permisos para herdar e facer testamento, que naquela época non lles eran concedidos debido a súa discapacidade auditiva; ata Juan Luis Marroquín que no século XX converteríase no verdadeiro fundador do movemento asociativo xordo de España, e creador do que hoxe é a CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas).
 Neste vídeo quixemos comezar a nosa andadura no ano 1880, data na que se celebra un Congreso en Milán, que vai a marcar un antes e un despois na Historia da Comunidade Xorda. Ata entón a Lingua de Signos era considerada a lingua natural das persoas xordas, mais neste Congreso acordárase prohibir o uso da mesma, impoñéndose así a posición oralista no eido educativo. Nas escolas non se permitirá a utilización dos signos, xa que se consideraban inadecuados para a consecución dos obxectivos educativos trazados nesa época. 
Realmente, invitámosvos a indagar un pouco máis nas resolucións de dito Congreso no que participaron soamente mestres oíntes (aos xordos permitíanlles asistir pero non votar). Poderíamos dicir que foron os anos escuros da Lingua de Signos na educación das persoas xordas. Con todo, grazas a súa loita constante, as persoas xordas conseguiron manter a súa lingua durante moitas décadas a través da súa unidade manifestada no movemento asociativo.
Tentamos tamén a través deste vídeo, reiterar a loita constante da Comunidade Xorda signante sobre algúns termos que adoitan empregarse de forma errónea como xordomudo ou mudo; a forma correcta de dirixirse a unha persoa xorda é empregando a palabra xordo/a; tamén adoita ser común ver o uso do termo linguaxe no lugar de lingua, moitas veces por unha transliteración do inglés. O idioma que empregan as persoas xordas é a Lingua de Signos; en España atopamos como oficiais dende o ano 2007, a Lingua de Signos Española e a Lingua de Signos. 
Xa para rematar queremos agradecer a colaboración do Concello de Ares e de Secundino, grazas ao cal descubrimos a Escola de Guitriz, que situada nun enclave digno de visitar, recrea unha escola rural de mediados do século XX. E por suposto, un agradecemento especial aos rapaces que unha vez máis coa mesma ilusión, esforzo e compromiso, conseguiron que traballar con eles sexa un auténtico pracer, ademais de moi doado e enriquecedor. Así grazas a Hugo, Valeria, Marta, Candela, Jimena, Claudia, Clara, Habte, Noa, Laura e Khadija.

No hay comentarios:

Publicar un comentario