26/2/22

DÍA DE ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

 Este ano o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro  “ECOESCOLARESen todas as súas vertentes e posibilidades. Así na variedade de disfraces que desfilaron non faltaron  os osos polares reivindicando o coidado do medioambiente  e a reciclaxe para loitar contra o cambio climático; as pingas de auga e as nubes que, bailando cal danza india, parecera que pedían que a choiva nos acompañe para encher os embalses, que falta nos fai; tamén os apicultores e as abellas fixeron acto de presenza para incidir na importancia que teñen para a vida; as e os Ecoescolares de infantil, co mundo as súas costas, dicíannos que queren un planeta mellor para o seu futuro e os mergulladores do ECOBARCO recórdannos que temos que coidar o mar  e preservar todos os ecosistemas mariños do planeta tan necesarios para a vida.

Un día festivo no que non faltaron as cancións reivindicativas creadas polos nenos e nenas, a ledicia e o bo humor.

                                                            Grazas a todas e todos polo voso traballo!!!

Felices vacacións!


14/2/22

SEMANA CONMEMORATIVA. DÍA DE ROSALÍA 2022


 O concello de Ares e o noso centro súmanse á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas.

A contorna de Ares prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. 

Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior.

Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades:

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores 16,ata o 21 de febreiro e convidará a todas aspersoas, adultos e nenos/as, a enviar fotografías coas súas caracterizacións deRosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico mailto:cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía.

 O 23 de febreiro ás  17.00 horas os máis pequenos e pequenas (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade. 

De igual xeito, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas. Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Desde o noso centro, o CPI As Mirandas, homenaxearemos á nosa poetisa coa actividade Musicando a Rosalía realizada en colaboración co departamento de música, e realizaremos co alumnado un vídeo co recitado dos seus poemas.

    

Ademais nas distintas aulas dos diferentes ciclos traballarase, desde distintas actividades e formatos, a figura da nosa poetisa máis universal.

ROSALÍA SEMPRE VIVA...
SEMPRE....ROSALÍA

11/2/22

11 Febreiro. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


   A continuación recordamos a adaptación  da película "Figuras ocultas" baseada na vida da física estadounidense Katherine Johnson , científica espacial e matemática que contribuíu á aeronáutica e aos seus programas espaciais coa aplicación das primeiras computadoras electrónicas dixitais na NASA.

Esta curta foi realizada polas alumnas e alumnos do noso centro no curso 2018. 
Agora que están a cursar 2º de BAC, desde aquí aproveitamos para desexarlles  todo o mellor e animar as rapazas a que contribúan no seu futuro a romper a brecha de xénero  no mundo da ciencia e a tecnoloxía.
 


RECURSOS PARA TRABALLAR NA AULA

 

2/2/22

DÍA ESCOLAR DA PAZ NO CPI AS MIRANDAS

O 30 de xaneiro celebráse o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. Neste día, ademais de conmemorar o aniversario da morte de Gandhi trataremos de imaxinar un mundo sen violencia, sen guerra, sen odio, sen prexuízos, sen pobreza... un mundo no que todos poidamos vivir en harmonía e igualdade.

Hoxe, máis que nunca, pedimos un mundo en PAZ!

Video  gravado por todo o cole para festexar este día.

 Aprendemos a canción "SIENTE LA PAZ" e signámola en LSE.

Dentro do proxecto Erasmus fixemos entre todo o cole un mural pola paz cunhas ás de plumas feitas por todo o alumnado do cole.

 

 

 E realizamos uns atrapasoños da paz que quedaron así de bonitos! 


 E as nenas e nenos de infantil realizaron, pombas e mans da man e fixeron este magnífico mural que podedes ver non seguinte vídeo.

 

19/12/21

NADAL: TEMPO DE LER, TEMPO DE LECER.

 Aquí vos deixamos as suxestións de lecturas para este Nadal, por se aínda vos quedou algo por pedirlle a Papá Noel, ao Apalpador ou aos Reis Magos. Ou por se pasades por unha librería. Ou por se ides pola biblioteca... 

Recordade: podedes conseguir estes libros en formato papel ou electrónico (como prefirades ou vos sexa máis sinxelo e cómodo), a idade é so unha referencia aproximada e se estes libros non te apetecen hai moitísimos máis que se poden elexir. 

Desfrutade deste Nadal! Vémonos na biblioteca no 2022!


26/11/21

O CPI AS MIRANDAS E O CPIP VIRXE DA CELA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra hoxe 25 de novembro, o  alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral, sobre esta data.

Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

19/11/21

20 Novembro. DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENXS. CPI AS MIRANDAS

O 20 de novembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos dos Nenxs. Desde o CPI As Mirandas queremos chamar a atención sobre os millóns de nenos e nenas que seguen sen ter acceso aos dereitos máis básicos como a educación, a sanidade, un fogar...e que teñen que abandonar os seus soños. E facemos tamén un chamamento aos gobernos para que cumpran os seus compromisos de realizar plenamente os dereitos da infancia. Hai que traballar para que todxs, independentemente do lugar ou as condicións nas que nazan, teñan un futuro mellor! Con este vídeo reivindicamos os dereitos para todos os nenos e nenas do mundo!











27/10/21

TÍRALLE DA LINGUA 2021

 Queda convocado o XX Concurso de relato oral Tíralle da lingua.

Podedes ver e oír os vídeos e audios dos centros participantes o ano pasado nesta ligazón: Tíralle da lingua 2020

BASES DO CONCURSO



29/9/21

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

 

O lema  e o cartel elixido para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/202  é  A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA”, lema que quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 

Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan ao alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 

Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade.