28/11/15

NEIRA VILAS: SEMPRE NA MEMORIA

Morreu no día de onte, o último dos chamados "renovadores da prosa galega" (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e el), don Xosé Neira Vilas. Sempre entristece a morte, dolorosa lei de vida, dos bos e xenerosos, coma este autodefinido "xornaleiro da palabra e traballador das Letras". Reconforta, porén, a súa traxectoria vital e o seu legado. Afortunado foi o noso pobo con tódolos que no seu seo naceron, viviron, traballaron con dilixencia e dedicación e, finalmente, morreron merecedores do cariño e amor da terra.

"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.


Neira Vilas, sempre na memoria, e inmortalizado por Balbino, representante da súa obra por antonomasia.





              


25/11/15

NOVIDADES

Estas son algumhas das novidades que mercamos para a nosa biblioteca, achégate para descubrilas.
Ademais mercamos tres coleccións:

14/11/15

RAP DO MAGOSTO

OS RAPACES E RAPAZAS DE 6º CANTAN O RAP DO MAGOSTO PARA OS MÁIS PEQUENOS DO COLE.

8/11/15

TEATRO EN NARÓN PARA 5º E 6º

O día 5 de novembro ,os alumnos de 5º e 6º de E.P. fixemos a nosa primeira saída deste curso. Vimos no Pazo da cultura de Narón a obra de teatro "LA RAMITA DE HIERBABUENA" dO grupo Teloncillo.

5/11/15

Novembro: mes da CIENCIA en GALEGO nas BIBLIOTECAS

Aquí vos deixamos un enlace a través do cal poderedes acceder a unha interesante recompilación de materiais de ciencia en galego.


PREMEDE NA IMAXE PARA ACCEDER A EL

4/11/15

ANTOLOXÍA POÉTICA MULTIMEDIA

Premendo na imaxe accédese a unha selección de poemas musicados, cantados o recitados, para o traballo na aula. Atopamos poemas de Rosalía de Castro, Bécquer, Antonio Machado, Dámaso Alonso, Gloria Fuertes...En fin... un verdadeiro tesouro da nosa poesía.


31/10/15

CHEGA O SAMAIN

Chega o Samain e  con el as castañas, as caveiras de melón, os calacús, os cogumelos, os froitos de inverno; chegan as augas e mergullámonos no inverno, vaise a calor e vén o frío: son os tempos do Samaín. A que isto escribe pasou esta semana a facer unha visitiña por infantil e primaria e a verdade que quedei abraiada por todas as cousas que @s profes xunto cos seus alumn@s estiveron a facer.
No seguintes vídeo podedes ver as cousiñas que os nenose nenas do noso cole, fixeron neste outono para celebrar o samaín.

              
    

                           


E  Para que teñades unha idea acerca desta festa, a continuación poderedes ler un texto sobre a Santa Compaña. Que disfrutedes TERRORIFICAMENTE!!! 

A SANTA COMPAÑA


Segundo a tradición galega, a procesión da Sta. Compaña está composta por espectros de mortos ou almas en pena.
Os espíritus dos mortos saen cada noite sobre as doce partindo dunha igrexa e marchan en dúas ringleiras portando fachos.
A procesión vai encabezada por unha persoa viva portando unha cruz.
O portador da cruz non pode en ningún momento volver a vista nin renunciar ao seu posto durante toda a súa vida. Só quedará liberado cando cruce no seu camiño con outra persoa a quen lle entregar a cruz.
Para evitar reemprazar ao portador da cruz, as persoas que se atopen coa Santa Compaña deben trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou botarse boca abaixo.
Tamén deben permanecer en silencio para que os espíritus non se percaten da súa presenza.
Xa sabedes. Se vos atopades coa Santa Compaña... SILENCIO!  non vaia ser que vos vexan.

20/10/15

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolareS . A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
Así, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.

24/9/15

BENVIDOS AO NOVO CURSO 2015-2016


Desde a Biblioteca Escolar querémosvos dar unha feliz benvida ao novo curso escolar 2015/16. Esperamos inicialo tod@s con moita enerxía, ánimo e esforzo para seguir aprendendo.
Coma sempre, esperamos que entre todos fagamos da biblioteca non só un lugar onde ler, senón tamén un espazo onde podamos aprender e compartir unha chea de cousas novas.
Desexámosvos un curso 2015/16 cheo de marabillosas lecturas.


                                                   Vémonos na biblioteca!!!

20/6/15

DESPEDIMOS AOS NOSOS ALUMNOS/AS DE 4º ESO


Nun acto de despedida no que houbo tamén espazo para as bágoas, que comezaron a asomar a través da lectura dalgunha carta de despedida, os alumnos e alumnas de 4º da ESO recibiron as súas respectivas orlas de fin de ciclo. No emotivo acto estiveron presentes os profesores da ESO así como compañeiros e compañeiras dos nosos rapaces que xa nos deixan despois de tantos anos neste centro.
Dende aquí queremos desexarlles de corazón, toda a sorte do mundo na nova andaina que comezan e recordarlles que sempre terán abertas as portas deste o seu colexio. Esperemos que veñan a facernos algunha visitiña de vez en cando.

En hora boa a todos eles!!!

Aquí tedes o vídeo co que o noso cole agasallou aos rapaces/as

         

ENTREGA DE DIPLOMAS DOS CONCURSOS E CERTAMES DO CURSO 2014-2015

Que mellor que o final de curso para recoñecer o traballo e a labor de todos os alumnos e alumnas, así como dos profes, que traballaron duramente ó longo do curso dinamizando e participando nos distintos certames e concursos que se levaron a termo este ano. Así  o xoves 18 de xuño celebramos no pavillón o acto de entrega de diplomas e recoñecementos ás clases e aos alumnos  pola súa participación nos concursos: O Preguntón, Portada de Libros, Mai-Art e Audiovisual  Olloboi.
Para rematar este acto os alumnos e alumnas de 1º A sorprendéronnos a todos cun musical.





                                       

INTERPRETACIÓN DO CONTO " O INCRIBLE NENO DEVORADOR DE LIBROS"

Os alumnos de 4º  ESO  con optativa de plástica e varios alumnos de 3º ESO, volvemos ensaiar o conto, xa representado o ano pasado a finais de curso para os alumnos de infantil: “O Incrible neno devorador de libros”. Nesta ocasión fíxose a representación para os nenos de 2º e 3º de primaria. A actividade foi unha  colaboración dos departamentos de plástica, música, lingua galega e o EDLG.
Os alumnos de 4º encargáronse de crear e dar vida aos bonecos cos que representabamos a historia, e os alumnos de 3º fixéronse cargo da música e da narración da mesma.
Unha  actividade máis que nos axuda a comprender que o traballo en equipo sempre da bos resultados.
   Aquí tedes unha mostra da estupenda representación