20/11/19

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S. "MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que a ONG Entreculturas lanza para concienciar á poboación do Dereito á Educación de máis de 61 millóns de nen@s en todo o mundo que están sen escolarizar.
 Un grupiño de alumnos/as de 1º e 4º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. Así, realizaron diversas sesións de contacontos para o alumnado de infantil e primaria. Nas sesións os rapaces da ESO narraron o conto “Mahán e a cadeira vermella”, un conto creado polo alumnado do cole Virxe da Cela de Monfero, e que fala sobre o Dereito á Educación Universal. Logo como parte da dinámica, realizaron o xogo de “ A cadeira vermella” así como un pasapalabra sobre o conto. Ao remate da sesión todos os nenos e nenas foron agasallados cunha pegatina alusiva a esta data e levaron unha pequena “cadeiriña vermella” para a súa clase, como símbolo do Dereito á Educación de todos os nen@s do mundo.



Por outra banda, na entrada de secundaria temos un mural realizado polo alumnado da ESO acompañado dunha cadeira pintada de cor vermella. Animamos a todos e todas os que o desexen, a tomar unha foto no mural coa cadeira vermella para realizar unha montaxe fotográfica como apoio á Educación Universal. 



Esta actividade está organizada polo EDLG, a Biblioteca escolar e o Departamento de Reli e valores. Queremos  a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e ofrecernos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias.

29/10/19

24 de OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

O pasado 24 de outubro celebramos o día das bibliotecas cunha actividade moi motivadora " Vaia Conto ".
Colocamos polo patio imaxes de diferentes personaxes de contos e lles entregamos unha folla onde tiñan que identificar a personaxe, o título e  o autor ou autora de cada imaxe.
Encantoulles!!! e achegamos un pouco máis os contos...


 













11/10/19

MOBILÍZATE POLA SELVA

       Este ano queremos retomar unha campaña que iniciaron no curso 2015-2016, na clase de valores, nenos e nenas que actualmente están no grupo de 6ºA.
      O obxectivo desta campaña é reunir móbiles vellos para envialos a una empresa que os recicla e envía parte dos beneficios obtidos ao Instituto Jane Goodall (IJG). Este instituto realiza unha importante labor social e medioambiental en todo o mundo e, concretamente, no Congo, onde existen graves conflitos derivados en gran medida do enorme consumismo da nosa sociedade: guerras polo coltán, a casiderita e outros minerais empregados na fabricación de aparatos electrónicos, a explotación infantil nas minas, os monocultivos de palma que acaban coa selva e que, xunto coa actividade dos furtivos, ameazan a supervivencia de moitas especies, etc.
MOBILÍZATE POLA SELVA from Bárbara on Vimeo.

    Reuníronse 84 móbiles e, gracias a iso, como agradecemento, conseguimos unha subscrición anual ao Instituto Jane Goodall e o APRADINAMENTO DE 3 CHIMPANCÉS: ANZAC, LEMBA E KAUKA.

     Aquí podemos ver vídeos de como chegaron ao Centro de Recuperación de chimpancés de TCHIMPOUNGA, no Congo.


ANZAC




 LEMBA




KAUKA




WOUNDA, unha historia de esperanza.





    Tamén podedes consultar a páxina oficial do IJG.
   Todos os informes que nos vaian enviando sobre Tchimpounga e sobre os "nosos chimpancés" estarán á vosa disposición na biblioteca do centro.


MENSAXE DE JANE GOODALL.
        


8/10/19

BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA

O lema das bibliotecas para o presente curso 2019/2020 é "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.
Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

11/9/19

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!!

Comezamos un novo curso no que contaremos con moitas actividades, con moitas sorpresas, con moita ilusión e, coma sempre, con vós.


23/6/19

ENTREGA DE PREMIOS E DIPLOMAS FIN DE CURSO

Nun acto conxunto o alumnado do noso centro rematou o curso escolar coa entrega de premios e diplomas aos gañadores das actividades: “Percorridos lectores por Ares”, Campionato de Xadrez, Campionato de brilé, Participantes nos videoclips en lingua de signos e gañadores do Concurso da  Semana Problemática (organizado polo departamento de matemáticas de ESO).
Parabéns a todxs e xa sabedes....para o próximo curso, máis e mellor.

FELICES VACACIÓNS!!!!






18/6/19

ROTEIRO POR ARES CON ROSALÍA.

Hoxe aumentamos os nosos fondos cunha fermosa aportación da aula de Educación Infantil de 5 anos B. Seguindo a proposta da biblioteca do roteiro rosaliano por Ares (sobre unha actividade deseñada pola Asociación Cultural Apelón Educación), os nenos e as nenas dese grupo de Infantil coa súa mestra Mari fixeron esta preciosidade de libro con desplegables. Encántanos este traballo.

SUXESTIÓNS DE LECTURA. VERÁN 2019.

Xa case está aquí o verán e, que chova ou que vaia calor, vaiche apetecer ler. Aquí tes unhas suxestións de libros de diferentes temas e para todas as idades. Recordade que as idades recomendadas son so unha suxerencia. Le o que che apeteza.

31/5/19

Visita do escritor Hector Cajaraville

O   21 de maio visitounos o escritor Hector Cajaraville autor do libro KUSUMA (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2018 ) que os rapaces de 6ºA acabamos de ler. Falamos do libro e intercambiamos moitas opinión.
Kusuma é unha faisán femia procedente da remota selva de Kaltim, que se ve obrigada a marchar do lugar en que sempre viviu debido á acción destrutiva do ser humano. Co obxectivo de buscar un futuro mellor para ela e mais a rolada de pitiños que agarda, cruza medio mundo ata chegar a Galicia.Pero alí as cousas non van ser doadas: a desconfianza da maior parte dos animais da fraga en que se instala, o medo ao diferente e ao que vén de fóra, obrigará a Kusuma a demostrar o seu valor e o seu dereito a ser unha máis na terra de acollida.''Kusuma'' é unha historia de aventuras, de cooperación, de superación e de amizade; un exemplo de como os prexuízos con que ás veces nos enfrontamos ao descoñecido son o camiño máis enganoso e máis inxusto para tratar de entender o mundo.



29/5/19

ENTREGA PREMIOS PORTADA DE LIBROS 2019


Hoxe fixemos entrega dos premios e diplomas aos gañadores e finalistas do Concurso de Portada de Libros 2018-2019.
Parabéns un ano máis, a todos e todas, pola vosa participación.





                                                                Gañadora da ESO (Sílvia Seoane)

23/5/19

XA TEMOS GAÑADORES DO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS.



Hoxe reuniuse o xurado do Concurso de Portada de Libros para fallar os premios deste ano e, a verdade,  non o tivo nada fácil xa que a calidade dos traballos foi impresionante. Despois de moito deliberar os premiados son os seguintes:



INFANTIL: Pola calidade dos traballos e a creatividade plástica dos mesmos todas a s aulas de  infantil levan un premio.

1º CICLO PRIMARIA:

              1º.- Gañadora: Valentina Costas Cortés de 2º A
              2º.- Finalista: Luna Becerra Ferreira de 2º A
              3º.- Finalista: Marcos Feal García de 2º A

2º CICLO PRIMARIA:

              1º.- Gañadora: Larraitz Aranaga Carrasco de 3º A
              2º.- Finalista: Lucas Seijo e Teo Martínez de 3º B
              3º.- Alejandra Iglesias e Aroa Amado de 4º B

3º CICLO PRIMARIA:

             1º.- Gañadora: Lucía Magariños de 5º B
             2º.- Finalista: Aketxa Aranaga Carrasco e Hugo Cartelle de 6º A
             3º.- Sara Sotelo Barrón de 5º B

O próximo mércores 29 de maio farase entrega dos premios no recreo de primaria.

                                                  PARABÉNS A TODOS E TODAS!!!!


2/5/19

CÁMARA.....ACCIÓN!!!

Como ben sabedes levamos varios anos traballando o audiovisual no noso cole. Comezamos facendo pequenos vídeos e presentacións sobre as distintas actividades que se ían realizando no noso centro. Grazas a varios cursos de formación sobre fotografía e imaxe que levamos a termo no centro (PFPP), aprendemos a utilizar diferentes editores de vídeo, diversas técnicas de montaxe, o uso do chroma key, etc. Todo iso serviunos para utilizar o recurso audiovisual nas nosas aulas e motivar ao alumnado. E chegados a este punto podemos dicir que a práctica de facer vídeos educativos percibímola xa non como meros transmisores de información, senón que recoñecemos as posibilidades que teñen como elementos de expresión e aprendizaxe. 
Traballar o audiovisual cos nenos e nenas, mozos e mozas de diversas idades é emocionante. O resultado, impresionante!!,  tanto que xa eles mesmos son quen de realizar un produto audiovisual: guión, gravación, edición, montaxe... como os mozos e mozas de 3º ESO, na curta que realizaron desde a materia de matemáticas sobre a vida de Sophie Germain.
Tamén desde o departamento de Lingua Galega os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO levaron a termo a gravación de varias pezas audiovisuais coa axuda de Miguel, o seu profe. E que dicir dos nosos videoclips en Lingua de Signos tan ben dirixidos pola nosa intérprete Luisa Lombardero, ou os realizados para o Concurso Escolar ONCE onde acadamos o premio autonómico representando a Galicia no Estatal, ou os produtos audiovisuais dos distintos eventos do cole realizados dende o Equipo de Dinamización Lingüística coordinado por Yoli.
Desde  “tesmoitalingua”, parabéns por todos os traballos e vídeos que fixestes este curso, no que as vosas dotes artísticas sobresaíron máis que nunca.

Aquí podedes ver as últimas pezas audiovisuais realizadas neste trimestre.













Malaxente. CPI As Mirandas from Yolanda Castro on Vimeo.