2/5/19

O NOSO COLE NA RADIO GALEGA

Despois do éxito acadao polo videoclip realizado no CPI As Mirandas, a  Radio Galega entrevista a Luisa Lombardero, a nosa intérprete de Lingua de Signos, alma mater do videoclip Malaxente realizado cole.
Aquí podedes escoitar o programa.

VIDEOCLIP MALAXENTE

Aproveitando que se achega o Día das Letras Galegas, dende o CPI As Mirandas quixemos defender a música na nosa lingua, facéndoa ademais accesible ás persoas usuarias da lingua de signos. Así que, deixando a vergoña de lado, realizamos un videoclip coa última creación da cantautora galega MJ Pérez, que fusiona en Malaxente á ilustre poeta galega coa cantante Rosalía.

Dicir que foi gravado en distintas contornas do noso concello: Cervás, Lubre, Ares… e que o pasamos XENIAL!!!!

Grazas a todas as persoas que fixeron posible este traballo e en especial á intérprete de lingua de signos do noso cole. Sodes o máximo!!!.

Malaxente. CPI As Mirandas from Yolanda Castro on Vimeo.


MAKING OFF DA GRAVACIÓN
Making off Tra Trá from Yolanda Castro on Vimeo.

ÉXITO DA III FEIRA "ARES ARREDOR DE SI"

Éxito total na xornada do luns na que se reflectiu o traballo colaborativo realizado no noso cole durante este curso e que deu como resultado a III Feira  “Ares arredor de si”.
Parabéns a toda a comunidade educativa: a todos os profes de infantil, primaria e secundaria, a todo o alumnado do centro desde os máis pequerrechos ata os máis maiores, que traballaron e colaboraron dunha maneira impecable realizando unha gran labor en cada un dos stands representados; ao grupiño de músicos que nos acompañou durante toda a xornada - sodes uns cracks-, ao Club de Remo de Ares e en especial a Tombo que organizou as actividades remeiras e acompañounos durante todo  día, aos integrantes do Club Xove e a Rommy polas actividades levadas a termo no seu stand(quen dixo que a xuventude non se implica?), ás autoridades que nos acompañaron na inauguración da feira:o inspector de educación Rubén Ponte, José Antonio Sordo do CFR (Centro de Formación e Recursos) de Ferrol, o noso alcalde Julio Iglesias, á concelleira de cultura Alma Barrón e o resto de concelleiros das distintas formacións, os representantes das asociacións ANPA e Amigos do Mosteiro de Santa Catalina e por suposto á dirección e profesorado do CPI As Mirandas por promover e apoiar todas as iniciativas que se están a levar a termo no noso centro e a todas as familias e veciños que hoxe nos acompañaron neste evento.

Grazas a todos por facer, de novo, que a xornada resultase todo un éxito.















26/4/19

E TI, DE ONDE VÉS SENDO?.

As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado "lugar". (...) Os "lugares", espallados, compoñen un agrupamento que se chama "parroquia". Esta entidade é o antigo clan dos celtas.

 Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel. Sempre en Galiza.

Esta actividade, desenvolvida polo alumnado de 1ºESO A e B, artéllase arredor das orixes dos nosos discentes, de aí o seu título: E ti, de onde vés sendo?. Preténdese, con ela, que os rapaces e as rapazas sexan conscientes da especial relación do pobo galego co medio en que habita e a necesidade de nomear calquera lugar por pequeno que sexa, relacionando o seu significado coa vexetación, a orografía, os fenómenos atmosféricos... e, por suposto, os estados de ánimo.
Pedíaselles, na actividade, realizada segundo un modelo dado, que falasen do nome da casa (o alcume familiar), do lugar, aldea, parroquia, concello, de onde son oriundos eles e elas mesmas e os seus devanceiros; ao tempo, iríase procurando o étimo do topónimo que a cadaquén ocupase, isto é, orixe e significado. A motivación do alumnado fixo que este modesto proxecto inicial se convertese nun traballo moito máis ambicioso, realizado todo polos alumnos e alumnas de 1º ESO coa axuda inestimable das súas familias.
Foi así que os pequenos gravaron os seus avós e avoas, informantes fieis do decorrer da vida na súa nenez, adolescencia, xuventude e madurez, achegándonos a todos a un xeito de vida alleo para os adolescentes de hoxe e que xa hai tempo desapareceu na grande maioría do territorio. Abranguen, daquela, boa parte dos traballos, un anaco de historia, emoción e vivencias dos aresáns e das aresás e xa que logo, de todas as familias que co tempo se foron instalando neste concello.
Manifestamos desde estas páxinas o noso agradecemento ás familias posto que sen se elas involucraren o resultado non sería o obtido.
Actividade realizada e coordinada por Mª Luísa Corredoira, profesora de lingua galega do noso centro en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística coordinado por Yolanda Castro.






          
          
            
            
            
             
            
           
                                  

22/4/19

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro para recoñecer a súa importancia como ferramenta cultural.
Todo, todo está nos libros. Todo o que é. E todo o que non é, pero podería ser. Tamén o que nunca foi nin será, nin podería selo.
 A vida toda está nos libros: a historia da humanidade... o que sentimos as persoas... o que soñamos ou simplemente imaxinamos...
   E por qué lemos?
-  En primeiro lugar porque alguén nos aprendeu a facelo,
-   porque outras persoas nos acompañaron nas nosas primeiras lecturas,
-   porque leron para nós ata que fumos capaces de facelo por nós mesmos
-  porque desfrutamos coa lectura compartida no camiño de descubrir o placer de mergullarnos sós nun libro.
Isto é o que queremos homenaxear no Día do Libro: as persoas que foron abrindo camiños para nós; esas persoas que, lendo, axudáronos a medrar como lector@s. E a nós mesmos que apamadriñamos a outros nenos e outras nenas que veñen detrás.

LUDI MUGARDENSIS


XORNADA HISTÓRICA NOS “I LUDI MUGARDENSIS”.

O ALUMNADO DE ARES E MUGARDOS PASOU UNA MAÑÁ DE DIVERSIÓN COMPETINDO EN XOGOS E DEPORTES ROMANOS.

O xoves 11 de abril, nun precioso e solleiro día que nos brindou a deusa Ceres, celebráronse os “I Ludi Mugardensis” no exterior do Centro de Interpretación do Xacemento Romano de Caldoval (Mugardos).
Chegada dxs participantes a Caldoval.
A xornada organizada polo Concello de Mugardoscongregou a preto de 200 alumnxs de 5º e 6º de primaria dos concellos de Ares e Mugardos. Todxs puideron competirdurante a mañá en 10 probas diferentes vinculadas ao deporte romano e a xogos e exercicios físicos practicados durante a antigüidade.
Nesta primeira edición os colexios participantes foron o CPI As Mirandas (Ares), o CEIP Unión Mugardesa, o CEIP Santiago Apóstolo e o CPR Loyola (Mugardos).
Xs estudantes dividíronse en 20 equipos dirixidos polxs respectivxs capitáns e capitás que se encargaron de organizar a estratexia de cada grupo. Desta maneira, todos os equipos foron pasando de maneira rotatoria por cada unha das probas, enfrontándose a diferentes contrincantes en cada quenda.
O alumnado recibindo as primeiras instrucións para os Ludi.
As disciplinas deportivas escollidas para esta ocasión trataron de combinar diferentes habilidades como a rapidez, a forza, a precisión, a estratexia e a intelixencia, pero en todos os casos foi fundamental para o éxito final o traballo en equipo.
A diversión estivo asegurada dende o inicio. Con todo, algunhas probas gozaron de especial aceptación entre o alumnado como o tres en raia físico, o tiro con arco simple de madeira, ou a esgrima con “spatha” baixo romana.
Despois dunha intensa pero amistosa competición os “I Ludi Mugardensis”, clausuráronse por volta das 13,30h cunha entrega de diplomas a todxs xs participantes, feita pola concelleira de Patrimonio Histórico Lola González, e co recoñecemento ao equipo gañador desta primeira e histórica edición. A gloria do ano 2019 correspondeu aos “Gladiator Hoplomachus” do CPI As Mirandas de Ares, que gañaron 9 probas das 10 posibles. O seu trunfo fainxs merecedorxs de inaugurar e figurar no muro da fama de Caldoval.
Aos vencedores e vencedoras dicímoslles “Respice post te! Hominem te esse memento!” (“¡Olla tras de ti! lembra que es un home ou muller” e non un Deus nin Deusa).
3 en raia físico.
Lanzamento de peso.
Lanzamento de xavelina.
 
Esgrima con “spatha”.
lanzamento de xavelina (pilum).
Xogo da letra delta.
Tiro con arco.
Alumnos e alumnas participando en varios xogos.
Desde o Centro de Interpretación de Caldoval agradecemos a participación do alumnado e dos 20 equipos que competiron co mellor espírito deportivo. A relación dos 20 equipos participantes no evento é a seguinte:

CEIP UNIÓN MUGARDESA (MUGARDOS)

  • Imperatorum
  • Los románicos
  • Los Gladiadores
  • Espartaco

CEIP SANTIAGO APÓSTOLO (MUGARDOS)

  • Os Gladiadores
  • Rómulos
  • Julio César

CPR LOYOLA (MUGARDOS)

  • Jocosus Genius
  • Sextus Magnificus
  • Gallaecia
  • Lucus

CPI AS MIRANDAS (ARES)

  • Gladiator Hoplomachus
  • Murmillos
  • Provocatores
  • Dimanchaeri
  • Pompeyus
  • Equiles
  • Los Iluminatis
  • La Quearii
  • Reciarii
  •                EQUIPO GAÑADOR : HOMOPLACHUS

27/3/19

FALAMOS DA ESCOLA. O VALOR DA EXPERIENCIA


Por cuarto ano consecutivo o noso centro  está a participar  no programa interxeracional que Afundación (Fundación Galicia Obra Social) realiza nos centros educativos. Un encontro de diálogo e experiencias compartidas  entre maiores e estudantes.
Este ano baixo o título «Falamos da escola», os maiores e o alumnado dialogarán sobre as vivencias o longo da etapa escolar.
A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas maiores voluntarias nadas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixo principal do programa. Este encontro favorece que a xente nova fágase consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar. Falar da escola vincula a maiores e novos, que dialogan desde a perspectiva histórica que ofrece a relación interxeracional e a tensión creativa de experiencias escolares e vitais tan dispares.

No encontro de hoxe tivemos con nós a un querido profesor  xa retirado que compartiu 36 anos da súa vida no noso cole de Ares, Manolo Martínez (o noso “Donma” como cariñosamente lle chamaba a rapazada). Tamén acompañounos a súa dona Teresa Baz e 3 voluntarios e voluntarias máis (de Redes e Pontedeume) Mari Cordal, Luisa Veiga e Agustín, que están a participar neste programa contando como foron as súas vivenvias na escola dos anos 50. Unha experiencia enriquecedora que seguiremos a traballar nun segundo encontro no mes de maio e  no que debaterán, cos rapaces e rapazas, desde os seus puntos de vista acerca de cal debe ser o papel da educación contemporánea. As conclusións ás que cheguen conxuntamente serán recollidas para realizar unha achega orixinal e diferente que enriqueza o debate educativo.

23/3/19

III CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS

A  Biblioteca Escolar  Carabela e o Equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) do CPI As Mirandas organizan a III Edición do Concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa preténdese fomentar a lectura e así mesmo potenciar as capacidades creativas do alumnado.                                                                    
Animádevos a participar e…deixade voar a imaxinación!!!




BASES

1.- Dirixido a: Todos os alumnos/as do CPI  As Mirandas, que poderán participar cun máximo de 3 obras. En infantil o traballo a presentar será de aula.
2.- Tema: O concurso ten por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a teña lido. Na portada ten que constar  o título e o nome do autor do libro ademáis da decoración que o alumno/a desexe engadir: fondos, fotos , debuxos, distintos tipos de letras, diversos materiais, etc. O libro pode ser de calquera xénero: poesía, contos, novela, teatro, ensaio, divulgación… Pola parte de atrás irá o nome e curso do alumno/a participante.
3.- Formato: Tamaño mínimo un cadrado  de 21x21 cm. e máximo un A3 (29,7x42 cm). Pódese variar a forma do soporte sempre que quede dentro das dimensións mínimas e máximas sinaladas.
4.- Técnica: Poderase utilizar calquera tipo de técnica bidimensional: rotuladores, lapis, témperas, collage, banda deseñada,etc. Tamén se poden combinar técnicas: letras a ordenador e debuxos a man, fondos de témpera e un collage superposto, composicións feitas con volumen e despois fotografiadas, etc.
5.- Soporte: En función da técnica dos traballos, pódense entregar en papel, cartolina, cartón,  lenzo ou como un arquivo informático se é o caso dun traballo feito por ordenador.
6.- Data e lugar de entrega: A data de entrega comeza  o 25 de marzo e remata o 12 de abril. Os traballos entregaranse na Biblioteca ou á coordinadora do EDLG.
7.-Premios:  O xurado dictaminará os gañadores o 23 de marzo, Día do Libro. Outorgaranse varios premios en función das idades. En infantil serán premios de aula.
Con todos os traballos presentados farase unha exposición no centro así como a presentación dos mesmos a través dos blogues do EDLG e da Biblioteca.

22/3/19

AUDICONTOS REALIZADOS POLO ALUMNADO DE 2º ESO

As rapazas e rapaces de 2º de ESO realizaron unha serie de audicontos para os máis pequenos.
Valores como a amizade, a paz, o respecto, a empatía, a cooperación ou a confianza nun mesmo son os que se reflicten nestes contos:   A carreira de zapatillas,  A espada pacifista e a Cincenta que non quería comer perdices .
Aquí tedes o resultado.





21/3/19

ALIANZAS ARESANAS. 115 ANOS DE HISTORIA


Hoxe estamos a facer memoria dun feito que tivo lugar hai 115 anos. Un grupo de aresáns, alá na Habana, foi consciente dunha necesidade que cristalizou nun proxecto que tanto ben fixo aos nosos pais, aos nosos avós e a todos cantos se achegaron a estas aulas. Deixáronnos estas paredes que acubillaron unha institución que serviu de modelo a outras moitas e hoxe nun emotivo acto, quixemos facer  honor a súa memoria como proba do noso agradecemento. Non debemos esquecer a súa entrega desinteresada, primeiro a dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, nin tampouco á de moitos dos que aquí se formaron. Partían da fame e da pobreza, moitos deles analfabetos, e a base de esforzo e unión, forxaron un futuro noutras terras alleas pero non esqueceron a propia.
No acto, no que estiveron presentes ademais dos representantes do concello e distintas asociacións da vila, os alumnos de 4º de ESO e 4º de primaria leron o acta de constitución da Alianza Aresana así como un poema de Curros Enríquez, poeta galego vencellado á nosa vila a través da colonia aresán en Cuba e que nos deixou un fermoso escrito sobre a nosa Alianza, publicado no semanario Galicia da cidade antillana, titulado “Bien por los Aresanos”.
Rematamos o acto co Himno Galego interpretado pola banda de gaitas de Ares que amenizou a xornada.
Aquí podedes ver un pequeno vídeo do acto.

      

15/3/19

OS RAPACES E RAPAZAS DE 1º DE ESO GAÑADORES PROVINCIAIS DO CONCURSO ESCOLAR ONCE!!!


Estamos de en hora boa!!!  O grupo de alumn@s  de 1º de ESO formado por  Antía, Gabriela, David, Sofía, Laura Gisell, Geovanna, Brais, Hugo, Carlos, Axel, Melani, Paula, Isaac e  Noelia quedaron gañadores provinciais do Concurso Escolar Once coa súa canción "O noso patio é particular" Este ano baixo o lema "Por min e por tódolos meus compañeiros” os nosos alumn@s  quixeron mostrar a través dun videoclip a importancia de crear recreos inclusivos  onde todxs poidan xogar, gozar  e aprender a vivir coa diferenza e desde a diferenza nunha escola inclusiva por e para todxs.

Parabens!!!!  e.... seguimos!!!!!

Aquí podedes ver vídeo gañador.

         

7/3/19

A CINCENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES

Adaptación do conto "A Cincenta que non quería comer perdices", realizado polas alumnas de 2º ESO.
Un conto que  reivindica a figura da muller como dona do seu propio destino, con capacidade de valerse por si mesma e de buscar a súa propia felicidade. Non hai príncipes, nin princesas que solucionen a vida, nin nos fagan profundamente felices, hai seres humanos que deben aspirar a ser  autodependentes e que, se queren, vivan a súa felicidade á beira de quen desexe.