22/4/19

LUDI MUGARDENSIS


XORNADA HISTÓRICA NOS “I LUDI MUGARDENSIS”.

O ALUMNADO DE ARES E MUGARDOS PASOU UNA MAÑÁ DE DIVERSIÓN COMPETINDO EN XOGOS E DEPORTES ROMANOS.

O xoves 11 de abril, nun precioso e solleiro día que nos brindou a deusa Ceres, celebráronse os “I Ludi Mugardensis” no exterior do Centro de Interpretación do Xacemento Romano de Caldoval (Mugardos).
Chegada dxs participantes a Caldoval.
A xornada organizada polo Concello de Mugardoscongregou a preto de 200 alumnxs de 5º e 6º de primaria dos concellos de Ares e Mugardos. Todxs puideron competirdurante a mañá en 10 probas diferentes vinculadas ao deporte romano e a xogos e exercicios físicos practicados durante a antigüidade.
Nesta primeira edición os colexios participantes foron o CPI As Mirandas (Ares), o CEIP Unión Mugardesa, o CEIP Santiago Apóstolo e o CPR Loyola (Mugardos).
Xs estudantes dividíronse en 20 equipos dirixidos polxs respectivxs capitáns e capitás que se encargaron de organizar a estratexia de cada grupo. Desta maneira, todos os equipos foron pasando de maneira rotatoria por cada unha das probas, enfrontándose a diferentes contrincantes en cada quenda.
O alumnado recibindo as primeiras instrucións para os Ludi.
As disciplinas deportivas escollidas para esta ocasión trataron de combinar diferentes habilidades como a rapidez, a forza, a precisión, a estratexia e a intelixencia, pero en todos os casos foi fundamental para o éxito final o traballo en equipo.
A diversión estivo asegurada dende o inicio. Con todo, algunhas probas gozaron de especial aceptación entre o alumnado como o tres en raia físico, o tiro con arco simple de madeira, ou a esgrima con “spatha” baixo romana.
Despois dunha intensa pero amistosa competición os “I Ludi Mugardensis”, clausuráronse por volta das 13,30h cunha entrega de diplomas a todxs xs participantes, feita pola concelleira de Patrimonio Histórico Lola González, e co recoñecemento ao equipo gañador desta primeira e histórica edición. A gloria do ano 2019 correspondeu aos “Gladiator Hoplomachus” do CPI As Mirandas de Ares, que gañaron 9 probas das 10 posibles. O seu trunfo fainxs merecedorxs de inaugurar e figurar no muro da fama de Caldoval.
Aos vencedores e vencedoras dicímoslles “Respice post te! Hominem te esse memento!” (“¡Olla tras de ti! lembra que es un home ou muller” e non un Deus nin Deusa).
3 en raia físico.
Lanzamento de peso.
Lanzamento de xavelina.
 
Esgrima con “spatha”.
lanzamento de xavelina (pilum).
Xogo da letra delta.
Tiro con arco.
Alumnos e alumnas participando en varios xogos.
Desde o Centro de Interpretación de Caldoval agradecemos a participación do alumnado e dos 20 equipos que competiron co mellor espírito deportivo. A relación dos 20 equipos participantes no evento é a seguinte:

CEIP UNIÓN MUGARDESA (MUGARDOS)

  • Imperatorum
  • Los románicos
  • Los Gladiadores
  • Espartaco

CEIP SANTIAGO APÓSTOLO (MUGARDOS)

  • Os Gladiadores
  • Rómulos
  • Julio César

CPR LOYOLA (MUGARDOS)

  • Jocosus Genius
  • Sextus Magnificus
  • Gallaecia
  • Lucus

CPI AS MIRANDAS (ARES)

  • Gladiator Hoplomachus
  • Murmillos
  • Provocatores
  • Dimanchaeri
  • Pompeyus
  • Equiles
  • Los Iluminatis
  • La Quearii
  • Reciarii
  •                EQUIPO GAÑADOR : HOMOPLACHUS

27/3/19

FALAMOS DA ESCOLA. O VALOR DA EXPERIENCIA


Por cuarto ano consecutivo o noso centro  está a participar  no programa interxeracional que Afundación (Fundación Galicia Obra Social) realiza nos centros educativos. Un encontro de diálogo e experiencias compartidas  entre maiores e estudantes.
Este ano baixo o título «Falamos da escola», os maiores e o alumnado dialogarán sobre as vivencias o longo da etapa escolar.
A narración das experiencias escolares e circunstancias de vida das persoas maiores voluntarias nadas nas décadas dos anos 30, 40 e 50 do século pasado son o eixo principal do programa. Este encontro favorece que a xente nova fágase consciente e valore que o dereito á educación universal é un logro moi recente do que as persoas maiores non puideron gozar. Falar da escola vincula a maiores e novos, que dialogan desde a perspectiva histórica que ofrece a relación interxeracional e a tensión creativa de experiencias escolares e vitais tan dispares.

No encontro de hoxe tivemos con nós a un querido profesor  xa retirado que compartiu 36 anos da súa vida no noso cole de Ares, Manolo Martínez (o noso “Donma” como cariñosamente lle chamaba a rapazada). Tamén acompañounos a súa dona Teresa Baz e 3 voluntarios e voluntarias máis (de Redes e Pontedeume) Mari Cordal, Luisa Veiga e Agustín, que están a participar neste programa contando como foron as súas vivenvias na escola dos anos 50. Unha experiencia enriquecedora que seguiremos a traballar nun segundo encontro no mes de maio e  no que debaterán, cos rapaces e rapazas, desde os seus puntos de vista acerca de cal debe ser o papel da educación contemporánea. As conclusións ás que cheguen conxuntamente serán recollidas para realizar unha achega orixinal e diferente que enriqueza o debate educativo.

23/3/19

III CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS

A  Biblioteca Escolar  Carabela e o Equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) do CPI As Mirandas organizan a III Edición do Concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa preténdese fomentar a lectura e así mesmo potenciar as capacidades creativas do alumnado.                                                                    
Animádevos a participar e…deixade voar a imaxinación!!!




BASES

1.- Dirixido a: Todos os alumnos/as do CPI  As Mirandas, que poderán participar cun máximo de 3 obras. En infantil o traballo a presentar será de aula.
2.- Tema: O concurso ten por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a teña lido. Na portada ten que constar  o título e o nome do autor do libro ademáis da decoración que o alumno/a desexe engadir: fondos, fotos , debuxos, distintos tipos de letras, diversos materiais, etc. O libro pode ser de calquera xénero: poesía, contos, novela, teatro, ensaio, divulgación… Pola parte de atrás irá o nome e curso do alumno/a participante.
3.- Formato: Tamaño mínimo un cadrado  de 21x21 cm. e máximo un A3 (29,7x42 cm). Pódese variar a forma do soporte sempre que quede dentro das dimensións mínimas e máximas sinaladas.
4.- Técnica: Poderase utilizar calquera tipo de técnica bidimensional: rotuladores, lapis, témperas, collage, banda deseñada,etc. Tamén se poden combinar técnicas: letras a ordenador e debuxos a man, fondos de témpera e un collage superposto, composicións feitas con volumen e despois fotografiadas, etc.
5.- Soporte: En función da técnica dos traballos, pódense entregar en papel, cartolina, cartón,  lenzo ou como un arquivo informático se é o caso dun traballo feito por ordenador.
6.- Data e lugar de entrega: A data de entrega comeza  o 25 de marzo e remata o 12 de abril. Os traballos entregaranse na Biblioteca ou á coordinadora do EDLG.
7.-Premios:  O xurado dictaminará os gañadores o 23 de marzo, Día do Libro. Outorgaranse varios premios en función das idades. En infantil serán premios de aula.
Con todos os traballos presentados farase unha exposición no centro así como a presentación dos mesmos a través dos blogues do EDLG e da Biblioteca.

22/3/19

AUDICONTOS REALIZADOS POLO ALUMNADO DE 2º ESO

As rapazas e rapaces de 2º de ESO realizaron unha serie de audicontos para os máis pequenos.
Valores como a amizade, a paz, o respecto, a empatía, a cooperación ou a confianza nun mesmo son os que se reflicten nestes contos:   A carreira de zapatillas,  A espada pacifista e a Cincenta que non quería comer perdices .
Aquí tedes o resultado.





21/3/19

ALIANZAS ARESANAS. 115 ANOS DE HISTORIA


Hoxe estamos a facer memoria dun feito que tivo lugar hai 115 anos. Un grupo de aresáns, alá na Habana, foi consciente dunha necesidade que cristalizou nun proxecto que tanto ben fixo aos nosos pais, aos nosos avós e a todos cantos se achegaron a estas aulas. Deixáronnos estas paredes que acubillaron unha institución que serviu de modelo a outras moitas e hoxe nun emotivo acto, quixemos facer  honor a súa memoria como proba do noso agradecemento. Non debemos esquecer a súa entrega desinteresada, primeiro a dos fundadores da Alianza Aresana de Instrucción, nin tampouco á de moitos dos que aquí se formaron. Partían da fame e da pobreza, moitos deles analfabetos, e a base de esforzo e unión, forxaron un futuro noutras terras alleas pero non esqueceron a propia.
No acto, no que estiveron presentes ademais dos representantes do concello e distintas asociacións da vila, os alumnos de 4º de ESO e 4º de primaria leron o acta de constitución da Alianza Aresana así como un poema de Curros Enríquez, poeta galego vencellado á nosa vila a través da colonia aresán en Cuba e que nos deixou un fermoso escrito sobre a nosa Alianza, publicado no semanario Galicia da cidade antillana, titulado “Bien por los Aresanos”.
Rematamos o acto co Himno Galego interpretado pola banda de gaitas de Ares que amenizou a xornada.
Aquí podedes ver un pequeno vídeo do acto.

      

15/3/19

OS RAPACES E RAPAZAS DE 1º DE ESO GAÑADORES PROVINCIAIS DO CONCURSO ESCOLAR ONCE!!!


Estamos de en hora boa!!!  O grupo de alumn@s  de 1º de ESO formado por  Antía, Gabriela, David, Sofía, Laura Gisell, Geovanna, Brais, Hugo, Carlos, Axel, Melani, Paula, Isaac e  Noelia quedaron gañadores provinciais do Concurso Escolar Once coa súa canción "O noso patio é particular" Este ano baixo o lema "Por min e por tódolos meus compañeiros” os nosos alumn@s  quixeron mostrar a través dun videoclip a importancia de crear recreos inclusivos  onde todxs poidan xogar, gozar  e aprender a vivir coa diferenza e desde a diferenza nunha escola inclusiva por e para todxs.

Parabens!!!!  e.... seguimos!!!!!

Aquí podedes ver vídeo gañador.

         

7/3/19

A CINCENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES

Adaptación do conto "A Cincenta que non quería comer perdices", realizado polas alumnas de 2º ESO.
Un conto que  reivindica a figura da muller como dona do seu propio destino, con capacidade de valerse por si mesma e de buscar a súa propia felicidade. Non hai príncipes, nin princesas que solucionen a vida, nin nos fagan profundamente felices, hai seres humanos que deben aspirar a ser  autodependentes e que, se queren, vivan a súa felicidade á beira de quen desexe.

2/3/19

ENTROIDO NO CPI AS MIRANDAS

Un ano máis o Entroido vestiuse coa cor do noso proxecto de centro  “ Ares arredor de si” en todas as súas vertentes e posibilidades. Así desfilaron polas nosas rúas indianos, remeiros, flores de todas clases e cores imprescindibles para as nosas alfombras florais, rondallistas acompañados dunha peculiar madriña...Un percorrido cheo de cor e fantasía que rematamos con doces típicos e lambetadas.
Agora a gozar destas mini vacacións  y... que viva a entroido!!!

            

22/2/19

ROSALÍA ETERNA.

Este domingo, 24 de febreiro, lembramos a figura da nosa poeta máis universal, Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da língua e da literatura galegas, pois asumíu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Por iso, para expandir o poder da súa palabra quixemos facer un pequeno vídeo e amosar e reivindicar a esa Rosalía que, adiantada ao seu tempo, mobilizou as conciencias colectivas defendendo os dereitos das mulleres. O feito é que, sobre todo na súa pouco coñecida prosa, Rosalía foi unha abandeirada do feminismo. O prólogo de La hija del mar, un dos seus libros máis intimista, supón todo un alegato de empoderamento feminino e reivindicativo. "Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, afirmaría no texto, publicado en 1859.
O certo é que a preocupación constante pola condición feminina impregnou a súa obra. Ela representa, en suma, o inicio da modernidade galega.

       

19/2/19

XA ESTÁ AQUÍ O ENTROIDO

Como pasa o tempo,parece que foi onte cando estabamos a comer turrón e xa vedes...o Entroido xa está aquí. Trocamos os doces de nadal polas filloas, as orellas, o lacón con grelos... Queredes saber máis sobre o Entroido en Galicia?, pois premede na seguinte imaxe e os vosos amigos os Bolechas achegaranvos aos diversos entroidos e tradicións de forma divertida e poñendo a proba os teus coñecementos.

https://osbolechas.gal/entroido/

Aquí tedes tamén unha estupenda Unidade Didáctica sobre o entroido.
Unidade didactica entroido de Yolanda Castro


Tamén podedes pasar pola biblioteca e  ver as nosas recomendacións sobre o Entroido.

15/2/19

CONTACONTOS NA BIBLIOTECA CARABELA


O pasado luns, contamos cunha visita moi especial, os nosos amigos de Kalandraka Sara e Álex que xa viñeron o curso pasado,deleitáronos coas súas historias acompañados de música en vivo. 
A verdade e que nos encanta esta parella, transpórtanos ao mundo máxico dos libros.
Esta vez trouxeron catro contos na súa maleta:
 - Elmer.
 - Cándido.
 - Un, dous,tres, vampiro ti es.
 - E os Esqueletos divertidos.
 Foi unha sesión moi divertida para os alumnos e alumnas de 1º e 2ª de E.P.
 Moitas gracias, esperámosvos o próximo curso.










DÍA DE ROSALÍA 2019

      A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro. Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web. 
      Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.