1/4/16

LETRAS GALEGAS 2016

Este curso adícaselle o Día das Letras Galegas a MANUEL MARÍA, por este motivo, poñemos en marcha no noso centro dúas mochilas viaxeiras con 7 títulos cada unha que recollen a obra do autor.

Estas son algunhas pinceladas da súa vida:
 Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra". En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo. A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña. Non é doado resumir en poucas liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación relixiosa, reivindicación lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo poético, a construción da patria. Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004. Información recollida da Fundación Manuel María

28/3/16

PROXECTO DE INFANTIL: "OS ASTRONAUTAS"


Os nenos e nenas de infantil estiveron traballando no segundo trimestre sobre un proxecto interesantísimo no que investigaron sobre o espazo, os astronautas,os planetas, o sistema solar....


Acompañados do robot Ares2R2 realizaron unha viaxe a través do espazo e do tempo para mostrarnos todo o que aprenderon. Aquí a podedes ver no seguinte vídeo.


   
              

8/3/16

RECORDANDO A CERVANTES

Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547 e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha, que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".
A  Biblioteca Carabela mercou bibliografía relacionada con este autor para traballar nas aulas dende os 5 ata os 12 anos

7/3/16

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER TRABALLADORA


Hoxe 8 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller. Unha celebración que, sobre todo, é unha reivindicación social e unha ocasión de facer un reconto dos progresos realizados cara ao logro da igualdade de xénero. Aínda que se fixeron moitos progresos, estamos moi lonxe de alcanzar a igualdade de xénero no mundo enteiro. Non hai un só país no mundo onde as mulleres consigan a plena igualdade e o pleno goce dos seus dereitos.
Isto, por si só, debería demostrar a necesidade de manter un forte enfoque na igualdade de xénero e os dereitos das mulleres nas axendas de todos os países. As mulleres teñen unha contribución vital para o logro de sociedades pacíficas e sostibles. É por iso que temos que asegurarnos de que participen plenamente e gocen da igualdade de dereitos en todos os ámbitos da vida.
Para conmemorar esta data, catro alumnas de 4º ESO realizaron un programa especial de radio no que fan un repaso á historia deste día así como un recoñecemento á vertente ferminista de Rosalía de Castro, poetísa que tan ben soubo plasmar na súa obra, que a muller tamén sente e padece, que as mulleres podían protestar,  queixarse do que lles faltaba e do que lles arrebataran, e non contentarse con formar unha familia e calar para sempre.



1/3/16

AS ALFOMBRAS FLORAIS DE ARES, POLOS RAPACES E RAPAZAS DE 6º DE PRIMARIA

Os alumnos e alumnas de 6º de primaria realizaron un magnífico traballo de busca de información e material gráfico para amosarnos unha das tradicións máis representativas de Ares, a das  Alfombras Florais.  Neste vídeo que tedes a continuación podedes ver un pequeño percorrido pola súa historia  así como unha mostra gráfica das mesmas. Parabéns a todos/as polo voso traballo  e á profe Pili Ramos pola coordinación do mesmo.


                

27/2/16

VISITA DE ÉRICA ESMORÍS

O martes 23 os alumnos de 5º e 6º de E.P. tivemos a visita da autora Érica Esmorís gañadora do premio Merlín 2015 co seu libro Nena e o mar. Foi unha sesión moi amena, falamos do seu libro (que estamos a ler),tamén un pouco da súa vida. Contounos que sempre lle gustaron os animais, o mar e escribir(É veterinaria).Escoitamos tamén a banda sonora que se fixo para este libro (o seu mozo é músico). Para rematar fixémoslle moitas preguntas as que ela respondeu con agrado.

24/2/16

DÍA DE ROSALÍA: HOMENAXE A NOSA POETISA

O día 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, data na que se conmemora o aniversario do seu nacemento , unha das maiores referentes da nosa literatura. E para homenaxeala realizamos unha morea de actividades: O alumnado e profesorado de secundaria realizou un envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os seus terminais móbiles baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte: “Trocando en sonrisas / queixiñas e choros”, e o enviaron a través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía.
O alumnado de primaria elaborou e enviou unha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e coa estrofa de “Alborada” de Cantares gallegos: “ Canta, paxariño alegre...”. Tamén fixemos unha serie de vídeos con poemas da nosa poetisa e na clase de música da profe Lara cantaron os seus versos. Aquí vos deixamos os vídeos deste excelentes traballos. Esperamos que vos gusten e.... VIVA O DÍA DE ROSALÍA!!!! 

                                           
                       width

23/2/16

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA "GALICIA, AUGA E LITERATURA"




Convócase o II Concurso de Fotografía "Galicia, Auga e Literatura", patrocinado por Viaqua.
Podedes participar cos vosos alumnos enviando os traballos ata o próximo 10 de maio ao seguinte enderezo:



II Concurso de Fotografía “Galicia, Auga e Literatura”
La Voz de Galicia
Departamento de Marketing
Polígono Industrial de Sabón
Avenida da Prensa, 84 – 85 15143 Arteixo (A Coruña)

O que se busca con este concurso é achegar a literatura galega aos escolares de Educación Primaria e Secundaria a través da auga; á vez que se conciencia sobre os usos e beneficios desta.
E como se consegue isto?. Os alumnos deberán elixir un poema ou verso determinado nos que a auga estea presente e ilustralo cunha fotografía. A creatividade e orixinalidade á hora de plasmar nunha fotografía a importancia do coidado do medio ambiente e a auga como recurso escaso, terán a súa recompensa. En concreto, o primeiro e segundo premio para os escolares de cada categoría será unha Tablet Nevir LCD 8" e unha Cámara Dixital Nikon, respectivamente. Os profesores, pola súa banda, serán galardoados cunha estancia dunha noite para dúas persoas en OCA Augas Santas (Pantón - Ourense).

Se tes calquera dúbida, xa podes consultar as bases do concuso que tes acontinuación:



8/2/16

ENTROIDO NO CPI CONDE DE FENOSA

Colorido, desfiles, bailes e moita alegría é o que se viviu no cole a celebración do Entroido 2016, neste fantástico venres no que o sol e o bo tempo, nos acompañou en toda a xornada. Como se de un tunel do tempo se tratase, pola rúa pasaron personaxes de todas as épocas: celtas, romanos, gregos, exipcios, cabaleiros e damas medievais, piratas,  astronautas  e ata os mísmisos homes e mulleres dos anos 20.
Todo elo acompañados da fabulosa Charanga “A Parranda” formada por alumnos e alumnas da ESO, que nos amenizaron o percorrido con unhas magníficas pezas galegas.

       
O remate do desfile degustamos produtos de entroido:orellas, freixos, rosquillas, buñuelos.... Unha xornada estupenda. En hora boa a todos, e aquí vos deixamos un pequeno vídeo  desta data.


                            

4/2/16

APRENDENDO COUSAS DA ANTÁRTIDA: VIDEOCONFERENCIA CO CPI CONDE DE FENOSA DESDE A ANTÁRTIDA


Hoxe 3 de febreiro  desde  o CPI Conde de Fenosa de Ares  tivemos a oportunidade de conectarnos vía Skype e realizar unha videoconferencia coa base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción, na Antártida. Entre os militares e científicos que traballan nesta estación española atópase Javier Cristobo, un aresán que a parte de mergullarse nas xélidas augas polares, leva anos inmerso no mundo da investigación biolóxica, sendo na actualidade o director do Centro Oceanográfico de Gijón. En riguroso directo Cristobo e outros componentes da misión (científicos e membros do exército de terra) explicáronnos en que consistía a súa  labor e o traballo que estaban a realizar, pero o máis importante foi que os rapaces e rapazas puideron falar con eles, facerlles preguntas e coñecer de cerca o proxecto que están a realizar. Incluso puidemos apadriñar algún pingüino  no programa de apadriñamento que levan a termo na Base Española.
Con grande simpatía e coñecemento, contestaron cada unha das preguntas formuladas polos rapaces da ESO e incluso saíron da base para amosarnos o exterior das instalación.
Desde o noso centro agradecemos á BAE española e a todos os que alí traballan o seu esforzó por colaborar cos centros educativos acercando a todos os rapaces e rapazas os seus traballos de investigación e todo o que están a facer tanto militares como investigadores.

A actividade non remata aquí, xa que Javier seguirá en contacto con nós e recibirémolo no noso colexio   á volta da súa campaña.
 Grazas unha vez máis a todo o personal da BAC “Gabriel de Castilla” e, particularmente, ao noso paisano e amigo Javier Cristobo por darnos a oportunidade de realizar de novo esta videoconferencia alén dos nosos mares.

Aquí no primeiro vídeo podedes ver un extracto da videoconferencia e no segundo a videoconferencia completa.







 E aquí tedes algúns dos nosos diplomas de apadriñamento











NOTAS DE PRENSA



1/2/16

MANDADOS DO ENTROIDO

Un ano máis chega o entroido, e con el o noso traballo para sair polas rúas e agasallar a todos coa nosa ledicia carnavaleira.
 Empezamos como sempre cos mandados para ir festexando .
Aquí os deixamos para que non se vos esqueza.

                                                                MANDADOS   
 MARTES 2 DE FEBREIRO:
 
                       SE QUEREMOS PARECER PATOS
                       TRAEREMOS DIFERENTES ZAPATOS,




MÉRCORES 3 DE FEBREIRO:

                         UNHA PAMELA ,UN GORRO OU UN SOMBREIRO
                         O QUE ANTES ATOPES,POÑERAS PRIMEIRO.



XOVES 4 DE FEBREIRO.

                         UNHA CAPA(OU SIMILAR) HAS POÑER,
                         SEXAS HOME OU MULLER